publicidade hoxe

O Pleno de Frades aproba dúas mocións de apoio ao sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

A unanimidade caracterizou a sesión extraordinaria do Concello de Frades. Ademais de elixir aos compoñentes das mesas electorais, a penúltima sesión plenaria da lexislatura serviu para aprobar dúas mocións de PP e BNG en defensa do sector lácteo, motor económico do concello de Frades onde hai máis de 10.000 vacas que producen máis de cincuenta millóns de litros de leite.

A primeira moción aprobada foi a do Grupo de Goberno, que instou á Consellería de Medio Rural a poñer todas as medidas necesarias para forzar ao Estado español e á UE a implantar unhas condicións o máis favorables posibles aos nosos gandeiros. “Cun prezo do leito en torno aos 30 céntimos, as explotacións non poden facer fronte aos custos de produción”, explicou o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro Marzoa, quen instou á Xunta a que “inspeccione as industrias e as redes de distribución para que os produtores cobren o que realmente merecen e así poder facer fronte aos gastos”.

Sobre a nova PAC, Ferreiro Marzoa apuntou que “para cobrar o grening, a maioría das explotacións teñen que deixar un 5% a barbeito, o cal supón un grave prexuízo debido á falta de terreo que teñen as explotacións en Frades. Este pago supón o 34% das axudas polo que é algo do que as explotacións non poden prescindir”. Por iso, o pleno municipal instou á Xunta de Galicia a tomar as medidas posibles para que as condicións de intensificación do concello de Frades non saian prexudicadas e que promova unha OPL que represente a gran maioría dos gandeiros de Galicia e así poder forzar ás industrias por un prezo xusto.

A moción do BNG, que se debateu nunha segunda sesión extraordinaria solicitada polo grupo nacionalista, foi no mesmo sentido. A moción do BNG amosou o apoio aos gandeiros de Frades e ao sector lácteo ao tempo que instaba á Xunta a “frear o abuso das industrias, que se fixe un prezo xusto polo leite, que haxa arbitraxe, que haxa apoio á produción e que as inspeccións non sexan só para os gandeiros, senón tamén para as industrias”.

AC-524 e ponte do Raselo

O pleno tamén acordou por unanimidade solicitarlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que solucione definitivamente a capa de rodadura da AC-524 Ordes-Lanzá ao seu paso polo municipio. O alcalde, Roberto Rey, deu lectura a un informe da arquitecta municipal que confirma que “hai tramos agretados que non tiveron arranxo ningún e a zona arranxada con microaglomerado estase levantando”.

Ademais, o pleno municipal instará á Consellería de Medio Rural e á Deputación da Coruña a que colaboren financeiramente na substitución da ponte do Raselo, que se atopa nun estado moi grave que fai urxente a súa substitución canto antes. Unha obra que suporá un investimento de algo máis de 57.000 euros, polo que o pleno acordou instar á Consellería de Medio Rural e á Deputación da Coruña a achegar financiamento para a obra.

27 de abril de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.