O Pleno da Deputación aproba tres investimentos en Pontevedra
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe un expediente de modificación de crédito, por importe de 720.000 euros, destinado a tres investimentos na cidade de Pontevedra.
O de maior contía, de 560.000 euros, é para tres actuacións na rede viaria local xestionadas en convenio co Concello de Pontevedra: a reforma da ponte da Gándara sobre o río Rons, entre os concellos de Pontevedra e Poio (130.535 euros); a mellora e pavimentación da antiga estrada provincial Pedra do Lagarto-Marcón (184.645,04 euros); e a mellora do firme na antiga estrada provincial Mollabao-Sixto (241.605,84 euros).
A reforma da ponte da Gándara, tamén chamada de Medeiros, débese a que a institución provincial entende que se trata dunha actuación prioritaria e necesaria para favorecer unha mellor comunicación coa estrada Pontevedra-Vilagarcía de Arousa, favorecendo que os veciños non teñan que saír pola zona de bombeiros.
O proxecto contempla a reparación e/ou reconstrución da ponte co fin de garantir a súa perfecta conservación. O obxectivo da obra é mellorar a plataforma da ponte para garantir a seguridade do tráfico rodado e de peóns (na actualidade só permite a circulación dun vehículo sobre ela).
O proxecto contempla, ademais da reconstrución da ponte da Gándara, a instalación dun paso independente para peóns, a posible mellora das condicións de desaugamento baixo a infraestutura e o acondicionamento da conexión entre as sendas que hai a ambos os lados do río. Tamén se formula aumentar a resistencia e mellorar o desaugamento do río sen variar as rasantes nin o seu leito.
Como obras accesorias á reparación da ponte o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que comunica a zona coa estrada de Vilagarcía. Contémplase a pavimentación da vía e o acondicionamento de dous pasos de peóns para dar continuidade ás sendas da Xunqueira, traballos cos que se quere mellorar a visibilidade na zona, a supresión de barreiras así como a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte mediante a instalación de dous lombos redutores de velocidade.
Cuartel da Garda Civil e fondos do Museo
A segunda das actuacións incluidas na modificación de crédito, hoxe aprobada por unanimidade, é a mellora das instalacións do cuartel da Garda Civil, cun investimento de 150.000 euros; a terceira, de 10.000 euros, é para a adquisición de fondos para o Museo de Pontevedra.











