O Plan Estratéxico de seguridade laboral prestará especial atención ás pemes e á coordinación administrativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Plan Estratéxico de seguridade laboral 2015-2020

Plan Estratéxico de seguridade laboral 2015-2020

O futuro Plan Estratéxico de Seguridade e Saúde Laboral 2015-2020 incorporará importantes avances, entre os que destacan a especial atención que se prestará ás actuacións dirixidas a PEMES e microempresas; e o reforzo da coordinación entre as administracións competentes en seguridade laboral, sanidade, industria e minería e educación.

Así o adiantou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a inauguración en Ferrol das XV Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde. Apuntou, ademais, que esta estratexia buscará tamén intensificar as actuacións dirixidas a colectivos específicos como mozos e mozas, mulleres embarazadas ou persoas con discapacidade; reducir os trastornos musculoesqueléticos, que son os que máis afectan a vida dos traballadores; ou traballar especialmente nos riscos emerxentes e as súas causas.

Con todo, precisou que este documento, que xa foi presentado aos axentes sociais, aínda se atopa en fase de alegacións, polo que o seu resultado final “será froito do consenso e a concertación”.

Esta planificación é unha actuación máis dentro da liña de traballo impulsada polo Goberno galego nesta materia, que busca “anticiparse” aos riscos e loitar por reducir os accidentes e as enfermidades profesionais.

Ao respecto, Mato considerou que a prevención dos riscos e o traballo a prol da seguridade laboral redunda en diversos beneficios, como a mellora da calidade de vida dos traballadores, e da eficiencia e rendibilidade das empresas. “Apostar pola saúde no traballo ofrece beneficios a nivel individual e colectivo, tanto en termos de benestar como de eficiencia e sostibilidade”, subliñou.

O obxectivo final de todo este labor é reducir “ao máximo” a sinistralidade. De feito, en Galicia nos últimos seis anos tense producido un “pronunciado” descenso dos accidentes laborais, que acadaron unha minoración do 54% entre 2008 e 2014. “Ou, dito de outra forma, grazas ao esforzo de todos temos conseguido que en Galicia se evite un de cada dous accidentes”, concluíu a conselleira. Con todo, a Xunta “non se conforma” con estas cifras e, por iso, continúa traballando para melloralas, a través de iniciativas como a propia Estratexia 2015-2020, ou de todas as actividades organizadas desde o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

“Este é un camiño que debemos impulsar desde as administracións, pero para o que precisamos tamén a colaboración dos axentes sociais, da iniciativas privada e, por suposto, dos propios traballadores”, rematou Mato, quen apelou a que estas xornadas constitúan unha “nova axuda” para afondar nesta senda da que “nos imos beneficiar todos os traballadores e traballadoras, as súas familias e, en definitiva, todos os galegos e galegas”.
 

22 de abril de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.