O Plan de Formación da Bolsa de Traballo de Carballo conta con nove cursos que beneficiarán a un máximo de 475 persoas
O Plan de Formación da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) de Carballo para 2015 conta cun total de nove accións formativas que se desenvolven ao longo de todo o ano nas instalacións do Fórum Carballo. Está previsto que un máximo de 475 persoas se beneficien destes cursos, que pretenden contribuír á inserción laboral dos veciños e veciñas que os realicen e que para ser beneficiarios deben estar inscritos como demandantes de emprego na BDT.
As accións teñen un total de 1.251 horas de formación que afondan en materias que se axustan tanto ás necesidades do mercado de traballo como ás dos inscritos na BDT, e neste caso teñen a seguinte temática: Auxiliar de Comercio, Mozo de Almacén, Competencias Clave, Prevención de Riscos Laborais, Técnicas de Inserción Laboral, Ofimática, Redes Sociais, Cociña e Cafetería e Bar. Os beneficiarios e beneficiarias poden aprender desde técnicas para superar unha entrevista de traballo, ata conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, ata as mellores formas de construír unha reputación en Internet, as claves das aplicacións informáticas de tratamentos de textos, os coñecementos básicos dun auxiliar de comercio ou mozo de almacén, as competencias para optar aos Certificados de Profesionalidade de nivel 2, ou os procesos para cociñar ou desenvolver o servizo de alimentos e de bebida nun local hostaleiro.
O orzamento para o desenvolvemento do Plan de Formación da BDT para 2015 ascende a un total de 43.650 euros. Hai que lembrar que poden ser beneficiarios e beneficiarias dos servizos desta Bolsa de Traballo tanto a poboación activa como os ofertantes de emprego: autónomos, empresas, entidades ou institucións que inicien procesos de selección de persoal. A inscrición dos demandantes, así como a xestión das ofertas, lévase a cabo a través da Bolsa de Traballo Municipal situada no Fórum Carballo.











