publicidade hoxe

O Pico de Ferreira organiza este sábado un concurso de tortillas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A asociación de veciños de Ferreira, unha das máis novas do concello, ten preparado para todo este 2015 un completo programa de actividades. Charlas, camiñadas pola parroquia, un concurso de fotografía ou o magosto son só algunhas das propostas dun calendario no que tamén atopamos a gastronomía. O sábado o local social da Seara acollerá a partir das 20h. o I Concurso de Tortillas, aberto a calquera que queira demostrar a súa pericia na difícil arte de dar co punto do ovo e a pataca e, máis que nada, acertarlle no padal ao xurado.

As bases son ben sinxelas. Cada participante -maior de idade- pode presentar unha tortilla que dea, como mínimo, para catro racións. Os ingredientes básicos serán o ovo e a pataca e, a partir de aí, todo o que se lle queira botar para facela máis gustosa.

A inscrición é gratuíta e as tortillas haberá que entregalas entre as 19.30 e as 20.00h., momento no que o xurado empezará a valoralas. Os encargados de xulgalas serán o antigo cociñeiro do restaurante Casa Tembrás e a propietaria do bar O Castelo de Moeche. O que decidan segundo o seu criterio “será inapelable”, tal e como sinalan as bases. 

Só se entregará un trofeo para a tortilla máis saborosa e tanto esta como o resto das presentadas ao concurso “pasarán a ser propiedade da organización, reservándose o modo de distribución final”. É dicir, tralo remate do concurso, participantes e asistentes poderán degustar todas as especialidades mentres se bota unha parolada entre veciños e veciñas.

Outras actividades

O concurso está organizado pola Asociación de Veciños O Pico de Ferreira, que este ano programou un total de sete actividades abertas a xente de dentro e de fóra da parroquia. As próximas son unha charla do Plan Maior Seguridade ofrecido pola Garda Civil – 27 de maio, 17.30h.-, unha ruta a pé pola parroquia -30 de maio-, e xa para o mes de novembro o magosto e a entrega de premios do concurso fotográfico que teñen aberto durante todo o ano para premiar as mellores instantáneas de rincóns de Ferreira. As fotografías haberá que envialas antes do 1 de novembro ao enderezo electrónico da entidade: avvopico.ferreira@gmail.com.

Nesta parroquia tamén se celebrará o 23 de maio o II Xantar Popular no que se ofrecerá paella para arredor de 1.000 persoas. O evento está organizado pola comisión de festas de San Paio e San Cristobo. O menú leva paella, xamón cocido, sobremesa, pan, refresco, viño, café e un chupito. As persoas adultas pagarán 20 euros, os nenos de 5 a 12 anos 5 euros e os menores desa idade poderán xantar gratis. 

Os tiques hai que mercalos antes do 16 de maio no bar As tres Pontes, no bar da Chabola, en Gavín, no Xaida ou en Casa Casal. Ademais do xantar durante toda a tarde e a noite haberá actuacións musicais coas Tocadeiras das Somozas, DJ Carlos Music e o Dúo Caramelo. A cativería terá inchables e pola auga non será necesario preocuparse, xa que o campo da capela de San Cristobo estará cuberto cunha carpa.

30 de abril de 2015 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.