O Partido Popular potenciará as corridas de touros se goberna Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, prometeu este mércores que “potenciará” as corridas de touros se consegue o bastón de mando o próximo 24 de maio, por entender que estas “reportan moitos beneficios” á cidade. Díxoo aos xornalistas tras reunirse con representantes dunha plataforma antitaurina, aos cales transmitiu “honestamente” a súa postura con respecto a este asunto. Así, explicoulles que o seu programa non prevé a retirada das corridas, “posto que se trata dun feito diferencial de primeiro nivel desta cidade con respecto a outros municipios galegos, e que permite atraer turismo no mes máis importante para este sector”.

Neste sentido, asegurou que, se é alcalde, manterá a dotación anual do Concello de Pontevedra á empresa que xestiona a praza de touros. Iso si, proseguiu, cunha “diferenza”, que se fará de forma “transparente” e sen “disfrazar o concepto” como -ao seu entender- fai o actual Goberno local.

De feito, criticou que a súa xustificación do convenio vixente sexa que “non ten nada que ver cos touros, senón que serve para organizar no recinto outras actividades”, como concertos, espectáculos deportivos ou o torneo medieval da Feira Franca.

5.000 VISITANTES

Fronte a iso, Moreira destacou que os festexos taurinos atraen á cidade “unha media de 5.000 persoas en cada evento”, de modo que o reto é lograr que “todos eses visitantes non marchen ao rematar o evento senón que permanezan na cidade”.

“Considero que deberían potenciarse aínda máis para aumentar o número de turistas que se achegan a Pontevedra con motivo da festa taurina”, resaltou, e explicou que recibiu á plataforma Touradas Fóra como o fará con outros colectivos cos que non comparte “ideario”.

Neste punto, puntualizou que “persoalmente” non é “seguidor desta tradición”, se ben opinou que a Pontevedra “lle reporta moitos beneficios”.

Pola súa banda, a citada plataforma declinou facer valoracións a respecto do encontro co PP e remitiuse á conclusión da rolda de entrevistas que está a manter con todas as forzas políticas para facer unha análise xeral.

8 de abril de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.