O Museo dos Muíños de Golmar e o Arquivo da Pesca de Caión abrirán por Semana Santa
Durante as xornadas festivas de Semana Santa o Concello da Laracha –coa colaboración da Confraría de Pescadores de Caión- acordou ampliar o horario de apertura dos dous museos que existen no municipio co obxectivo de propoñer a veciños, turistas e visitantes novas posibilidades para disfrutar do seu tempo libre coñecendo dous elementos esenciais na historia da Laracha como son a actividade pesqueira e a importancia dos muíños de auga na zona interior.
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte abrirá do xoves ao domingo en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde.
O museo está situado na antiga Casa Reitoral de Golmar, moi preto da igrexa parroquial de San Bieito e a carón da estrada A Laracha-A Silva (CP 2404). Na instalación faise un percorrido por medio de mapas, documentos, imaxes e pezas reais de muíños, a través do que os visitantes poderán coñecer como era o seu funcionamento, a súa importancia social e os diferentes tipos de muíños que existían na Costa da Morte. O exterior do museo dispón dunha ampla área de descanso dotada cun parque infantil, sendo un lugar ideal para acudir en familia.
O Arquivo da Pesca de Caión, situado no baixo da Confraría de Pescadores, abrirá de xoves a sábado de 11:30 a 13:30 pola mañá e de 17:30 a 19:30 pola tarde. O domingo o horario é de 17:00 a 19:30 horas.
Neste museo poderase coñecer a historia da vila mariñeira facendo un percorrido por diferentes épocas a través dunha exposición de fotografías, textos, pezas antigas e datos do arquivo do pósito.
A entrada tanto ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte como ao Arquivo da Pesca de Caión son gratuítas e as persoas que acudan aos mesmos terán a posibilidade de realizar unha visita guiada.
Obradoiros no museo de Golmar
Aproveitando as vacacións nos centros escolares, e co obxectivo esencial de facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo, o Concello da Laracha desenvolveu obradoiros infantís no museo de Golmar o luns, o martes e tamén na mañá de hoxe mércores, aos que asistiron vinte nenos en cada unha das xornadas. A temática estivo sempre relacionada coa Pascua e a chegada da primavera.











