publicidade hoxe

O Mosteiro de Caaveiro bateu récord de visitas durante a Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Mosteiro de Caaveiro foi, un ano máis, o edificio propiedade da Deputación da Coruña máis visitado durante esta Semana Santa, período no que se rexistrou o paso de 2.958 persoas. A xornada de maior afluencia de público foi o Venres Santo, día no que se contabilizaron ata 734 visitantes.

Bátese así un novo récord de turistas nestas datas, xa que o ano pasado a cifra foi de 2.847 fronte aos 1.575 de 2013 e os 1.711 de 2011. A maior parte das persoas que visitaron o monumento sito no parque natural das Fragas do Eume procedían de fóra de Galicia, e moitos deles utilizaron o servizo de transporte gratuíto que ofrece a Deputación da Coruña tanto dende o Centro de Interpretación das Fragas, no municipio de Pontedeume, como dende A Capela. 

As cifras de visitantes por días foron as seguintes: 32 persoas o venres 27 de marzo; 191 o sábado 28; 190 o domingo 29; 110 o luns 30; 199 o martes 31; 209 o xoves día 1 de abril; 455 o venres día 2; 734 o venres 3; 554 o sábado 4; e 284 o domingo día 5. Do total das 2.958 persoas que acudiron ao mosteiro tanto en bus coma polas distintas rutas a pé, 940 delas solicitaron participar nunha visita guiada.

 Costa da Morte

No caso do patrimonio propiedade da Deputación na Costa da Morte, as Torres do Allo e os Batáns de Mosquetín abríronse esta Semana Santa por primeira vez baixo a xestión de persoal pertencente a un centro público de emprego. A empresa adxudicataria do concurso foi V2 Servizos Auxiliares, pertencente ao grupo Alentis.

As Torres do Allo recibiron nestes días a visita de 345 persoas, procedentes na súa maioría do propio entorno da Costa da Morte e, sobre todo, de Madrid, Burgos, Salamanca ou Asturias. A xornada de maior afluencia de persoas foi o Venres Santo, con 136.

O mesmo sucedeu nos Batáns de Mosquetín, que contabilizaron un total de 347 visitantes, 153 deles o venres día 3.

Segundo explicaron as persoas responsables da atención dos turistas, a grande maioría deles tomaba parte nun percorrido que iniciaban no Dolmen de Dombate e continuaba ata o Castelo de Vimianzo pasando polas Torres do Allo e os Batáns de Mosquetín.

Pazo de Mariñán

Finalmente, ás visitas organizadas ao Pazo de Mariñán durante os festivos da semana pasada, alcanzaron as 110 persoas.

6 de abril de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.