O Monte Santa Trega e o Castelo de Santa Cruz recibiron milleiros de visitantes na Semana Santa
Esta Semana Santa, o Concello da Guarda recibiu nos seus paraxes a milleiros de persoas chegadas dende diferentes puntos da xeografía española e tamén lusa. Tanto no Monte Santa Trega coma no Castelo de Santa Cruz e nos museos do Monte e tamén do Mar, as visitas foron continuas, e moi numerosas, durante estes días festivos.
Os datos ofrecidos pola caseta de cobro instalada no Monte Santa Trega mostran que ascenderon a ese paraxe en autocar ou vehículo propio, dende o martes ó domingo, un total de 8.794 persoas. Esta cifra mostra un aumento de máis de 1.000 persoas entre os visitantes de este ano e os recibidos durante as mesmas datas no 2014.
Hai que destacar que tan só o venres accederon ó monte preto de 3.000 persoas.
A Oficina de turismo do Monte Santa Trega atendeu neste prazo a máis de 140 persoas. Neste punto se lles informou, por exemplo, das quendas das visitas guiadas tanto no Monte coma no Castelo, entre outras inquedanzas que lles xurdiron numerosos visitantes.
En resumo, nas visitas guiadas que se ofreceron no Monte participaron un total de 460 persoas, que se repartiron tanto nas visitas dunha hora de duración como de media. Pola súa banda, o Castelo de Santa Cruz recibiu ó redor de 100 persoas nas visitas guiadas. Os visitantes, que chegaron dende diferentes puntos tanto de España coma de Portugal, puideron desta maneira coñecer tanto a fortaleza coma a súa historia.











