O Kaiak Tudense no primeiro posto da clasificación da liga Galega sénior masculina
O Kaiak Tudense ocupa o primeiro posto da clasificación da liga Galega sénior masculina e o segundo na categoría feminina despois de disputadas dúas probas puntuables. Restan por celebrarse catro regatas para terminar a competición. Os tudenses, ademais, figuran na terceira posición na categoría júnior masculina e infantil feminina. O club recibirá o sábado, antes do encontro do Celta ante o Raio Vallecano, o recoñecemento polos éxitos logrados tanto a pasada tempada como na actual.
Dúas xornadas servíronlle ao Kaiak Tudense para colocarse nos primeiros lugares da clasificación sénior masculina. O Campionato Galego de inverno e o de barcos de equipo permitíronlle sumar 140 puntos, só catro máis que o Vilaboa, que se atopa na segunda posición. Despois atópanse o Pontecesures e As Torres Romaría Viquinga.
Os tudenses teñen como desafío o defender esa posición nas catro probas que restan por disputarse. A Copa de España de 500 e 200 metros, o Campionato Galego de verán individual, o de barcos de equipo e o Campionato de España. Todas estas regatas disputaranse en Verducido.
O Kaiak Tudense recibiu unha invitación do Celta para estar presente en Balaídos no próximo encontro do conxunto vigués ante o Raio. Renderáselle homenaxe a unha entidade que logrou proclamarse campión de España por décima vez consecutiva o pasado mes de marzo en Sevilla, un logro que ninguén conquistou na historia do piragüismo nacional. Os tudenses gañaron o ano pasado a Copa do Rei e tamén a liga de Pista Olímpica Hernando Calleja.
Na homenaxe participarán destacados padexeiros do club, como Ramón Ferro, José Luís Bouza, Carla Pérez, Diego Piña ou Iván Alonso. Xunto a eles estarán Esteban Alonso e Manuel Pedrares, os adestradores do club.











