O Kaiak Tudense gaña a Copa de España de 1.000 metros disputada en Asturias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+
Tono Campos e Diego Romero

Tono Campos e Diego Romero

O Kaiak Tudense gañou a Copa de España de 1.000 metros disputada en Trasona tras unha última xornada na que logrou a vitoria en K-4 masculino e feminino e no C-4 masculino. Un golpe de autoridade deportiva que lle permitiu superar por só 22 puntos ao Náutico de Sevilla (837 por 815 puntos). O Aranxuez, xa distanciado, ocupou a terceira posición. Entre os vinte primeiros equipos da clasificación xeral oito foron galegos, o que demostra o potencial da comunidade a nivel estatal. O Kaiak Tudense mantense á fronte da liga Olímpica de Pista Hernando Calleja. Restan por disputarse a Copa de España de 500 e 200 metros, e o Campionato de España de verán. Ambas as probas serán en Verducido.

A última xornada en Trasona foi espectacular para os tudenses, que tiñan a presión de non poder fallar para conseguir o seu obxectivo. O Náutico de Sevilla converteuse nun poderoso rival na modalidade de barcos de catro compoñentes. O Kaiak Tudense mostrou a súa mellor versión. E fíxoo con tres vitorias incontestables.

No K-4 masculino, Gabriel Campo, Roi Rodríguez, Víctor Rodríguez e Rubén Millán lograron a primeira posición. O segundo lugar ocupárono os seus compañeiros de equipo Gabriel Hernández, Aarón Diéguez, Diego Piña e Óscar Carreira. Os barcos tudenses exerceron tamén o seu dominio na categoría feminina, con Carla Pérez Coya, Valeria Romero, Carla Cerqueira e Andrea Fátima Porteiro. O seu triunfo tamén lle deu importantes puntos ao seu equipo.

O mesmo sucedeu na modalidade de canoas. David Costa, Brais Casas, Óscar Graña e Ramón Ferrol lograron a vitoria por diante de Tono Campos, Diego Romero, Miguel Fernández e Adrián Fernández, do Breogán do Grove. O terceiro lugar correspondeu a Alejandro Fraga, Miguel López, José Manuel Sanchez e David Mosquera, da Ría de Betanzos. Os cuartos na clasificación foron os padexeiros do Poio Pescamar.

En C-2 500 metros feminino, Raquel Rodríguez e Jennifer Casal, da Cidade de Pontevedra, ocuparon o primeiro lugar no podio.

Na clasificación final por equipos, o Kaiak Tudense foi o gañador. Superou ao Náutico de Sevilla e ao Aranxuez. Son os seus dous grandes rivais na actual tempada. O tres loitan por imporse na liga de Pista Olímpica Hernando Calleja e a Copa do Rei e da Raíña. A Copa de España tamén confirmou o bo momento dos equipos galegos. O Breogán foi sexto, o Betanzos acabou sétimo, o Poio Pescamar foi oitavo, o Naval de Pontevedra colocouse décimo cuarto, a Ría de Aldán décimo quinto, a Cidade de Pontevera decimoséptimo e o As Torres Romaría Viquinga, decimonoveno.

19 de abril de 2015 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.