O home detido en Vigo por acoitelar á súa exparella autolesiónase cun garfo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosVigo
A-
A+
Europa Press

O home detido o domingo acusado de acoitelar no pescozo á súa exparella en Vigo, que permanece hospitalizada, foi trasladado ao Hospital Xeral tras autolesionarse cun garfo de plástico. Segundo explicaron fontes policiais, o home, Juan Carlos F.F., de 40 anos, tratou de facerse dano no pulso cun garfo de plástico cando lle serviron o almorzo na mañá deste martes.

As mesmas fontes sinalaron que o home presentaba aparentemente feridas leves e, seguindo o protocolo, foi avisado o 061, que mobilizou unha ambulancia e levouno, sobre as 8,30 horas, ao Hospital Xeral sangrando. No Hospital Xeral, segundo fontes policiais, procederon a realizarlle as curas para ser posteriormente trasladado ao Hospital Meixoeiro para “outras valoracións”.

AO XULGADO

Está previsto que o home sexa posto a disposición do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo unha vez que conclúan as valoracións no Hospital Meixoeiro, segundo fontes policiais.

O home foi detido o domingo como presunto autor da agresión á súa exparella e estaba previsto que pase a disposición xudicial este martes no xulgado de violencia sobre a muller de Vigo.

A vítima atópase na UCI do Hospital Povisa, centro no que traballa, estable dentro da gravidade. A ferida de arma branca sufrida no pescozo non lle afectou a órganos vitais nin arterias.

A muller entrou polo seu propio pé en urxencias o domingo, onde foi inmediatamente intervida por especialistas en otorrilaringoloxía, vascular e traumatoloxía.

O domingo empregados do hospital viron ao home levala no coche dela ás urxencias de Povisa, onde a muller entrou consciente e pediu que chamasen á Policía, apuntando que fora a súa exparella quen a agrediu.

Despois de deixala, segundo achegados, o presunto agresor foi a cambiarse de roupa á súa casa. A exparella, el divorciado e cun fillo de seis anos e ela cunha filla de 12 anos dunha relación anterior, estivo unida uns dous anos e chegaron a vivir xuntos, pero ela finalizou a relación facía uns meses.

Desde entón e como consecuencia da ruptura, o home supostamente tentou suicidarse dúas veces e estivo de baixa laboral. Ambos traballan en Povisa, ela desde fai 12 anos como auxiliar de enfermaría e el desde fai oito como celador.

14 de abril de 2015 | 10:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.