O Grupo Chévere representa “Ultranoite no País dos Ananos” en Monforte
O Grupo Chévere volve a Monforte cun dos seus últimos espectáculos e despois de ter recibido o Premio Nacional de Teatro concedido polo Ministerio de Cultura. Ultranoite no País dos Ananos é a obra, de autoría propia e dirección colectiva, que Chévere porá en escena o vindeiro sábado no auditorio do Edificio Multiusos.
O elenco artístico está formado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, César Goldi, Mónica García, Arantza Villar, Xesús Ron, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián.
Con esta obra, Chévere conseguiu tres galardóns nos premios María Casares 2015, os máis importantes que concede o teatro galego: mellor texto orixinal, mellor música orixinal, e mellor actor secundario para César Goldi.
Esta é a sinopse da obra segundo os seus autores e intérpretes:
O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Diante deles nós somos simples aprendices. E seguramente esta Ultranoite é unha marcianada máis propia da Serie B. Pero somos honestos, só un cheiro satírico pode facer respirable un réxime tan corrompido.
Esta Ultranoite no Pais dos Ananos é como un 2×1, ten un estómago e un corazón. Co estómago na man fixemos uns sketches inzados de tópicos, chascarrillos e lugares comúns cun aire de festival de fin de curso, para ceibar unhas risas cómplices. A corazón aberto ofrecemos unha presa de músicas e cancións sen lugar para a esperanza, pero dun lirismo, unha beleza e unha contundencia incomprensiblemente arrebatadoras.
A representación levarase a cabo este sábado día 18 de abril ás 19:00 h. no Edificio Multiusos. O prezo da entrada xeral será de cinco euros. O prezo da entrada para estudantes, parados e xubilados será de tres euros. Este acto está organizado pola delegación de Cultura do Concello de Monforte, e o AGADIC da Xunta de Galicia.











