O goberno de Vilagarcía celebra que o directivo do Arousa SC estea xa fóra de perigo
O goberno local lamenta profundamente o accidente protagonizado onte por un directivo do Arousa no campo da Lomba e celebra que estea xa fóra de perigo. Dende minutos despois do suceso, tanto o alcalde, Tomás Fole, coma a presidenta da Fundación de Deportes, Elena Suárez, estiveron constantemente informados da evolución do accidentado, tanto a través do servizo de emerxencias, coma da directiva do Arousa e mesmo dos familiares. Suárez tamén está facendo un seguimento da evolución do directivo en contacto directo coa familia.
A primeira hora da mañá de hoxe, o arquitecto municipal, o xefe do servizo de emerxencias e o de mantemento de instalacións deportivas visitaron o campo para avaliar os danos. Unha empresa especializada retirará mañá a “uralita” danada no accidente. Ao tempo, e con vistas ao partido do vindeiro domingo entre o club local e o Pontevedra, será valado un amplo espazo de seguridade arredor da zona do accidente. De cara ao futuro, o Concello valorará a necesidade e viabilidade de retirar toda a cuberta, que ademais ten entre os seus compoñentes o amianto, de aí a necesidade de recorrer a unha empresa especializada para a súa manipulación.
Para o goberno local o uso de medios públicos por persoal alleo ao Concello hai que entendelo neste caso concreto no excelente clima de colaboración entre o club e o persoal da Fundación de Deportes, xa que ambos perseguen un mesmo obxectivo: que as instalacións estean nas mellores condicións posibles. De feito, pouco antes de producirse o percance no campo estaban os responsables técnicos da Fundación, os da empresa contratada para o mantemento do céspede e un especialista da Deputación avaliando que medidas adoptar para que o campo chegara nas mellores condicións para o partido do domingo. Foi despois cando un directivo do club pediu que lle subirán no elevador ao tellado para recoller uns balóns. O operario municipal prestouse a facelo coa mellor intención, dentro dese clima de colaboración. Por suposto, o campo de fútbol da Lomba, como o resto das instalacións municipais, conta cunha póliza de seguro.











