O goberno de Ferrol solicita a declaración de ARI para o barrio de Esteiro Antigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia Pérez, informaron esta mañá da solicitude de declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI) para o barrio de Esteiro Antigo, remitida á Xunta de Galicia; así como da petición ao Ministerio de Fomento para que esta zona sexa incluída no programa de rexeneración e renovación urbanas con cargo ao Plan Estatal de Vivenda 2013-2016 do Ministerio de Fomento. Rey Varela sinalou que esta solicitude do ARI para Esteiro Antigo e a súa participación nos fondos estatais do Plan de Vivenda de Fomento “supón o colofón a meses de traballo silencioso e eficaz da Concellería de Urbanismo”. Así mesmo, o rexedor ferrolán engadiu que a petición dunha nova ARI “é algo único en toda Galicia” ao tempo que manifestou a súa confianza en que esta demanda sexa atendida xa que “temos moi boas perspectivas”.

Rey Varela destacou a importancia histórica e social do barrio de Esteiro Antigo así como a necesidade de preservar e conservar parte das súas edificicacións. “Esteiro Antigo é unha zona de gran relevancia para o conxunto da cidade, tanto polo que significa históricamente como polo aspecto social. Trátase dunha zona que acolleu a moitas persoas de todas partes que chegaron a Ferrol a traballar nos estaleiros e no Arsenal; e hoxe en día temos que engadi ra este aspecto o carácter universitario do barrio pola presenza do Campus”, dixo o alcalde. Así mesmo, o rexedor municipal manifestou que a solicitude do ARI e a súa inclusión no Plan de Vivenda 2013-2016 ten como finalidade ”que este patrimonio urbanístico e arquitectónico sexa obxecto dunha atención especial por parte das administracións autonómica e central que garantice a súa protección, mellora e conservación, permitindo aos residentes do barrio e propietarios de inmobles optar ás axudas e subvencións previstas para a rehabilitación”. Así as cousas, o ámbito de ARI de Esteiro Antigo comprende unha superficie de 5,35 hectáreas con 135 edificios e 9 parcelas. En canto ao perímetro proposto: os límites establécense polo noroeste coa rúa Fernando VI; ao suroeste, as rúas Taxonera e Mac Mahón e a muralla do estaleiro; ao noroeste, a avenida de Esteiro e a praza Concepción Arenal; e ao suroeste, a travesía de Batallóns e a rúa Colón.

Ademais da solicitude da ARI, Jose Manuel Rey Varela tamén informou sobre a petición cursada ao Ministerio de Fomento para incluír Esteiro Antigo no Plan Estatal de Vivenda 2013-2016. Máis concretamente, o Concello de Ferrol formalizou a petición para a actuación de rehabilitación en 15 vivendas distribuídas en 5 edificaciónes diferentes do barrio. Tamén se incluíu nesta actuación a reurbanización nunha primeira fase da rúa Españoleto. O coste destas intervencións de rehabilitación e rexeneración urbana en Esteiro Antigo ascende a un total de 1,1 millóns de euros, dos cales o Ministerio de Fomento aporta 359.000 euros, o Concello 131.000 euros e o restante será asumido por promotores privados. “A declaración de Área de Rehabilitación Integral de Esteiro Antigo suporá un empuxe para o mantemento e conservación do barrio e facilitará o desenvolvemento de actuación de rehabilitación de inmobles e de reurbanización de rúas e espazos públicos”, engadiu o rexedor ferrolán.

ARI A Magdalena-Ferrol Vello e de A Graña

De concederse a ARI de Esteiro Antigo, Ferrol contará con tres Áreas de Rehabilitación Integral, posto que esta declaración está vixente no conxunto histórico de A Magdalena e Ferrol Vello, e A Graña.

No que atinxe ás axudas para a rehabiliación de vivendas e recuperación de espazos urbanos en A Magdalena – Ferrol Vello, o Concello solicitou con cargo ao Plan de Vivenda 2013-2016 actuar en 122 vivendas pertencentes a 36 edificacións. Nesta intervención tamén se inclúen obras de urbanización no adro de San Francisco, o Campo de San Roque e o tramo da rúa Real até San Diego. Estas actuacións ascende a 5,5 millóns de euros que serán asmuidos polo Ministerio de Ferrol, Concello e particulares; e deberán estar rematadas a 31 de decembro do vindeiro ano 2016.

Ademais, en A Graña se realizarán intervencións en 10 vivendas de 7 edificios e se urbanizará a rúa da Ribeira; o importe total da actuacións ascende a 706.000 euros, dos cales 173.000s serán aportados por Fomento, 107.000 polo Concello e os restantes 425.000 polos promotores privados.

Máis de 7 millóns para as tres áreas de rehabilitación.

O Concello de Ferrol prevé mobilizar mais de 7,3 millóns de euros para actuacións de rehabilitación en Esteiro Antigo, A Magdalena-Ferrol Vello e A Graña. En liñas xerais, os promotores privados que se acollan a este programa poderán recibir axudas de até o 40% do custe das obras de rehabilitación; e o resto das administracións sufragarán o resto -neste caso a contía subvencionable varía en función do casco histórico que se trate-

O alcalde lembrou que as ordenanzas fiscais de 2015 recollen bonificacións de até o 95% da taxa municipal por obras de rehabilitación. En concreto, o Concello de Ferrol bonifica o 95% para actuacións en bens declarados BIC (Nivel 1 do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do casco histórico); o 75% para bens catalogados por patrimonio cultural ou Nivel 2 de protección; e o 50% de bonificación na taxa para propiedades inventariadas por patrimonio ou Nivel 1 de protección.

29 de abril de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.