O goberno de Ferrol adxudica as obras de reurbanización da rúa Miramar e a redacción do proxecto para a mellora da accesibilidade en 200 cruces de peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá adxudicar á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L a execución das obras de reurbanización da rúa Miramar, no barrio de Canido. O importe dos traballos de reurbanización neste viario de Canido ascende a un total de 339.311,01 euros (21% de IVE incluído), que se financiarán con cargo ao Programa Urban. Este prezo de adxudicación supón un aforro para as arcas municipais de máis de 61.200 euros con respecto ao orzamento base de licitación, que ascendía un total de 400.603,32 euros.

Un total de 20 empresas presentaron propostas e proxectos para encargarse da mellora da rúa Miramar, sendo a mellor valorada pola Mesa de Contratación do Concello de Ferrol a que fixo Xestión Ambiental de Contratas S.L. O prazo de execución das obras é de catro meses, a contar a partir da firma do contrato e da acta de reformulo, polo que neste mesmo ano 2015 o executivo ferrolán que preside Jose Manuel Rey Varela terá completado ao cento por cento o desenvolvemento do Urban en Canido.

Accesibilidade

Noutra orde de cousas, o Executivo local deu luz verde á proposta de adxudicación da “Redacción do proxecto básico e de execución, estudo de seguridade e saúde, dirección de obras, dirección de execución e a coordinación de seguridade e saúde para a obra de mellora da accesibilidade de 200 cruces de peóns no Concello de Ferrol”.Así, a empresa Inycia Ingenieros SL será a firma encargada de redactar deste proxecto, que ten un coste de 25.115,25 euros (+21% de IVE). O obxectivo do Concello de Ferrol é mellorar a accesibilidade de 200 cruces de peóns no municipio ferrolán.

20 de abril de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.