O Fórum Metropolitano acollerá clubs de conversación en linguas estranxeiras para xóvenes
O Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), pertencente á Concellaría de Educación, Deportes, e Mocidade, ofrece unha nova proposta destinada a xóvenes de entre 12 e 30 anos que desexen practicar alemán e italiano.
Os clubs de conversación están dirixidos a participantes que teñan coñecementos mínimos dalgunha destas linguas e que queiran adquirir maior seguridade na expresión e compresión oral, practicando con outras persoas que estean na súa mesma situación. Estarán coordinados e supervisados por unha persoa nativa e desenvolveranse os luns do 27 de abril ao 27 de xullo no edificio do Fórum Metropolitano
A inscrición é gratuíta e realizarase a través da web www.coruna.es/cmix desde mañá, venres10 de abril, ao próximo día 22. Poderá obterse máis información sobre estes clubs acudindo persoalmente ao CMIX, chamando ao teléfono 981 18 42 94 ou a través do email cmix@coruna.es.











