publicidade hoxe

O Fondo Galego de Cooperación expón en San Sadurniño tres experiencias de economía social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Cooperativas de Guatemala e Galicia participaron este luns en San Sadurniño nun encontro para dar a coñecer iniciativas de economía social que se desenvolven tanto aquí como no país centroamericano. A actividade vincúlase ao proxecto de cooperación para o desenvolvemento a través do que a ong Arquitectura sen Fronteiras (ASF) apoia á cooperativa B’eljuj Q’anil, dedicada aos materiais de construción, pero tamén a cooperativa coruñesa Mulleres Colleiteiras, centrada na recollida de aceites domésticos. No encontro tamén participou Tagen Ata, unha empresa de Narón que hoxe é referente en formación a través de internet e que, igual que as outras, funciona mediante unha fórmula cooperativa.

A charla arrancou cunha introdución ao concepto de autodesenvolvemento cooperativo. Un xeito de entender a actividade empresarial que non é novo pero que, se cadra, é nos tempos de crise e en contornos subdesenvolvidos onde realmente mostra todo o seu potencial. Todo se resume a traballar para si en colaboración cos demais nun proxecto común. As decisións tómanse en conxunto, a estrutura organizativa é horizontal con responsabilidades compartidas e tendo sempre en conta que a cooperativa non é un ente abstracto, senón un organismo vivo formado por persoas nunha relación de igual a igual.

En Galicia o cooperativismo asóciase desde principios do século XX case exclusivamente co ámbito agrario. Pero o sistema admite practicamente todas as áreas de traballo e así se puido comprobar onte na Casa da Cultura na xornada “Coop é activas, procesos de autodesenvolvemento cooperativo”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O encontro abriu coa experiencia de Mulleres Colleiteiras, unha entidade nacida na Coruña en 2013 co pulo de Arquitectura Sen Fronteiras. Cinco mulleres que vivían da recollida da chatarra e do cartón mudaron a súa actividade para aproveitar o nicho de mercado que lles ofrecía a recollida de aceites domésticos. Os comezos foron e están sendo difíciles. Primeiro fixéronse con colectores, patearon a cidade para buscar quen lles entregase o aceite e, logo de conseguir unha rede de subministración máis ou menos estable, incluso puideron mercar unha furgoneta para a recollida. De momento non hai beneficio, practicamente todo fóiselles en reinvestir e ampliar. Pero o proxecto parece que está asentado e xa aspiran a ter unha nave de seu na que traballar con máis comodidade e pechar a reciclaxe do aceite facendo, por exemplo, xabóns. Alén do beneficio ambiental da iniciativa, quizáis o máis reseñable sexa o social, posto que se trata dun proxecto de autoemprego iniciado por mulleres en risco de exclusión que, ademais, manifestan sentirse realizadas co seu traballo malia non darlles aínda para vivir.

Por outra banda, a cooperativa guatemalteca B´eljuj Q´anil -que participou na charla vía Skype- ten como obxectivos tanto o desenvolvemento territorial como o social de 16 comunidades do municipio de Champerico, situado ao suroeste do país. Nela participan entidades e tamén cooperativistas individuais ocupados na produción de bloques de formigón e tellas. Empezaron en 2006 construíndo as instalacións fabrís -co apoio de ASF e o Fondo Galego- e tamén vivendas. De feito a cooperativa converteuse nunha fonte de traballo estable para as comunidades da zona, facilítalle á poboación materiais de construción de calidade a prezos axustados e, en último caso,  tamén persegue executar proxectos sociais con parte dos beneficios que xere a actividade.

Trala exposición de B´eljuj Q´anil, o encontro achegou a experiencia de Tagen Ata. Unha cooperativa radicada no Val que presta servizos formativos cunha marcada especialización nas plataformas e-learning. A poñente desta entidade destacou as vantaxes da economía social pero tamén puntualizou que as cooperativas desenvolven o seu traballo no mesmo escenario que as empresas convencionais, coas que deben competir polos mesmos mercados. De aí que o posicionamento de calquera proxecto que queira alcanzar o éxito debe pasar obrigatoriamente por ter en conta esta realidade e por buscar servizos ou produtos diferenzados que lle permitan sobrevivir no modelo capitalista polo que se rexe a economía mundial. Porque, tal e como quedou patente na quenda de preguntas posterior, se ben existe finanzamento para a posta en marcha e o acompañamento de iniciativas cooperativas, tamén cómpre ter en conta que este tipo de proxectos deben sosterse por si.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

21 de abril de 2015 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.