O filme ‘Dios mío, ¿pero qué te hemos hecho?’ proxéctase na Casa da Cultura de Verín
‘Dios mío, ¿pero qué te hemos hecho?’, filme que obtivo o Premio á mellor película europea nos Goyas 2015, proxectarase o venres día 17 e o sábado día 18 de abril na Casa da Cultura de Verín, ás 20.30 horas, na programación verinense de primavera de Cinemas de Galicia.
‘Dios mío, ¿pero qué te hemos hecho?’ é unha comedia sobre a inmigración e o racismo que en Francia superou os 12 millóns de espectadores, no 2014 nas salas cinematográficas, converténdose no maior éxito comercial do cine francés da última década. Ao mesmo tempo que en España triunfaban ‘Ocho apellidos vascos’, unha comedia que se ri e nos fai rir sobre as diferencias socioculturais entre o Norte e o Sur de España, en Francia batía records de público esta parodia sobre a mestizaxe e a integración da inmigración.
O veterano actor Christian Clavier, famoso por interpretar a Astérix nas súas adaptacións á gran pantalla (‘Astérix e Obélix contra César’, ‘Astérix e Obélix: Misión Cleopatra’), encabeza o reparto desta divertida comedia na que un matrimonio francés tradicional, que educou as súas catro fillas nos mesmos principios, encóntrase co feito de que tres de elas casaron cun musulmán, un xudeu e un chinés. A máis pequena, na que teñen a esperanza de que se manteña nos seus principios, tamén lle presentará finalmente unha sorpresa. Apta para todos os públicos, a película, que ten unha duración de 97 minutos, proxectarase dobrada ao castelán. O prezo da entrada é de 3 euros.











