publicidade hoxe

O filme “A Esmorga” proxectarase na Casa da Cultura de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A Asociación Xuvenil Mil e Pico, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carral, ofrece a posibilidade de gozar dun dos maiores éxitos do cine feito en Galicia. A Esmorga, do director Ignacio Vilar, é a adaptación para a gran pantalla dunha das obras máis importantes da literatura galega, a do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor.

A Esmorga, nominada a un premio Goya e a 16 premios Mestre Mateo, é a crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.

A Casa da Cultura acollerá dúas sesións da película. A primeira será o venres 10 de abril, ás 20:30 h, con entrada a 5 euros. A segunda será o sábado 11 de abril ás 19:00 h, cun prezo da entrada subvencionada por Mil e Pico a 2,50 euros. As entradas poderanse retirar desde o mércores na Casa da Cultura.

Alumnos da ESO tamén terán ocasión de gozar deste filme, con dous pases que se farán na mañá do venres.

1 de abril de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.