O Dr. Eduardo Díaz-Rubio recollerá o IV Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O vindeiro luns, 27 de abril, entrégase en Santiago de Compostela o cuarto Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda. O encargado de recollelo será o Dr. Eduardo Díaz-Rubio García, catedrático de Medicina na Universidade Complutense de Madrid e xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico San Carlos.

A entrega do premio ao Dr. Díaz-Rubio realizarase nun acto solemne que terá lugar no Hostal Parador dos Reis Católicos ás 19.30 h e que estará presidido polo xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Asistirán, así mesmo, destacadas personalidades do ámbito político, social, académico e científico, como xa ocorreu no tres pasadas edicións, cando recibiron o prezado galardón os prestixiosos investigadores Mariano Barbacid, José Baselga e Carlos López-Otín.

Tamén estarán presentes os membros do Xurado, composto polo seu presidente de honra, o empresario Ramiro Carregal; o presidente da Fundación La Rosaleda, o Dr. Gerardo Fernández Albor; a presidenta da SEOM, Pilar Garrido; o reitor da Universidade de Santiago, Juan M. Viaño; o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o catedrático Manuel Freire-Garabal; o director do hospital La Rosaleda, Rafael Silva, e o Dr. Rafael López, xefe de Oncoloxía médica do CHUS e presidente executivo do Xurado.

Foi o Dr. López quen destacou, ao facer público o fallo, os “máis de 30 anos dedicados en exclusiva á especialidade da Oncoloxía médica”, na que o Dr. Díaz-Rubio desenvolveu unha “actividade asistencial, de investigación e docente dificilmente separables”. Destaca especialmente o seu labor no “desenvolvemento de numerosos ensaios clínicos con citotóxicos e con novos fármacos dirixidos fronte a dianas específicas moleculares” así como tamén “outros orientados á individualización do tratamento para identificar os pacientes con máis probabilidades de responder”.

O Dr. Díaz-Rubio foi elixido entre máis dunha decena de candidatos de todo o mundo que se presentaron a esta cuarta edición dun Premio que foi crecendo ano a ano, tanto en número de candidaturas propostas como na diversidade de nacionalidades e especialidades dos aspirantes. O premio, dotado con quince mil euros, é un dos de maior contía no seu ámbito e permitirá ao gañador iniciar ou continuar o seu traballo no ámbito da investigación oncolóxica.

Intenso labor de investigación, docente e asistencial

O Dr. Díaz-Rubio (Cádiz, 1946) é catedrático de Medicina (Oncoloxía médica) na facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid e académico de número da Real Academia Nacional de Medicina. Fundador do grupo español TTD (Tratamento de Tumores Dixestivos), foi director e coordinador de I Plan de Cancro do Goberno Español (Estratexia Nacional fronte ao Cancro do Ministerio de Sanidade) período no que se xerou o documento basee sobre directrices na prevención, tratamento e investigación do cancro. É membro de numerosos padroados de fundacións (SEOM, AECC, CNIO etc.) así como de diversas comisións de investigación de axencias públicas.

Así mesmo, é xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico San Carlos e director do Instituto Oncolóxico do mesmo centro, onde nos últimos anos desenvolveu unha Unidade de Investigación Traslacional para achegar coa maior rapidez posible os aspectos básicos á clínica, que está integrada na Rede de Centros de Cancro (RTICC) do Instituto de Saúde Carlos III desde o ano 2013. Esta Unidade mostrou o seu gran potencial nos últimos anos mediante o desenvolvemento de unidades de investigación clínicas e de laboratorio, e ten como áreas de especial interese en Oncoloxía a investigación traslacional en cancro, os tumores dixestivos (cancro de colon), a formación de oncólogos e a planificación da atención ao paciente con cancro.

23 de abril de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.