O DOG publica a licitación por 600.000 euros das obras de mellora do firme en tres estradas de Pontevedra
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de reparación do firme en tres estradas da rede viaria autonómica da provincia de Pontevedra que contan un orzamento próximo aos 600.000 euros, segundo publica o Diario Oficial de Galicia.
Con esta actuación o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para favorecer a comodidade dos usuarios e a seguridade viaria en varios treitos das estradas Pontevedra – Ponte Caldelas (PO-532), Ponte Bora – O Pino (PO-542) e Ponte Caldelas- Petán (PO-255).
Na estrada PO-532 actuarase entre a glorieta da Hermida (no quilómetro 3), que conflúe coa estrada PO-542, e a glorieta do Polígono da Campiña/Reigosa, situada no punto quilométrico 6,4. Neste treito, fresaranse e repararanse as zonas que presentan deformacións, para posteriormente estender unha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor en toda a plataforma.
Esta mesma solución é a que se adoptará na estrada PO-542, na que está previsto reparar mediante este contrato o firme desde a glorieta da Hermida, no punto quilométrico 3 ata a glorieta do punto quilométrico 5,6 no Marcón.
Por último, realizarase unha rehabilitación superficial do firme na PO-255 no treito comprendido entre o límite entre dos concellos de Covelo e Fornelos de Montes (quilómetro 20,6) e o lugar O Piñeiro de Areas (quilómetro 23,3). Neste vial regularizarase o pavimento existente e a continuación realizarase un tratamento superficial.
Estas tarefas completaranse nas tres estradas co repintado das marcas viarias nos treitos de actuación e a renovación dos elementos de sinalización vertical e defensas, que se atopen deteriorados que teñen por finalidade mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios.
As obras terán unha duración de 6 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos máis de 91.000 habitantes dos concellos de Pontevedra, Pontecaldelas e O Covelo.
A Axencia Galega de Infraestruturas publica hoxe no DOG a licitación ademais outros tres contratos de obra de rehabilitación de firmes, un na Coruña, outro en Lugo e o terceiro en Ourense que suman un orzamento superior a 1,4 millóns de euros.











