O DOG licita por 530.000 euros obras de mellora do firme en tres estradas na provincia da Coruña
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de rehabilitación do firme en tres estradas na provincia da Coruña e que serven de comunicación entre Santiago de Compostela e a Costa da Morte. Estas actuacións contan un orzamento próximo aos 530.000 euros. Os traballos desenvolveranse nas seguintes estradas de titularidade autonómica:
– AC-544 (Bertamiráns-Negreira).
– AC-546 (Negreira-A Pereira)
– AC-441 (Pereira-Berdoias)
As obras consistirán na rehabilitación do firme existente en treitos localizados; actuarase segundo a necesidade de cada treito, onde non se detecten deformacións no afirmado existente optarase por substituír a capa de rodadura, previo fresado do firme actual; e noutros treitos estenderase un tratamento superficial que mellorar as condicións de adherencia da rodadura.
Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e melloras na sinalización vertical e balizamento e a execución de gabias de seguridade nos treitos que o precisen.
As obras terán unha duración de 6 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos máis de 73.000 habitantes dos concellos de Ames, Brión, A Baña, Dumbría, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Vimianzo e Zas.
Conservación de estradas
Por outra banda, o DOG publica que a Consellería Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), licita hoxe tamén outros tres contratos de obra de rehabilitación de firmes, un na provincia de Lugo, outro na de Ourense e o terceiro na de Pontevedra, que suman un orzamento próximo a 1,5 millóns de euros.











