O Día Internacional da Danza celébrase na Coruña cunha programación especial para visibilizar as artes do movemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, e o director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, presentou esta mañá o programa de actividades que a área que dirixe deseñou con motivo da conmemoración do Día Internacional da Danza, unha efeméride que se celebra cada 29 de abril desde 1982 -día do nacemento de Jean – Georges Noverre, mestre e creador do ballet moderno- co fin de dar unha maior difusión á arte da danza e dar resposta a un público fiel que demanda novas propostas creativas.

“Un ano máis, o Concello concentra os seus esforzos en pór un acento na visibilización da disciplina da danza e as artes do movemento. Catro anos de traballo que nos permitiron conseguir unha estabilidade e normalización dentro da nosa oferta cultural para a cidade e a cidadanía nestes ámbitos”, sinalou Ana Fernández.

“Ciclos como TRCDanza -continuou-, que acolle no seu seo o circuíto estatal Danza a Escena e a batería de actividades que se programan ao redor da celebración do Día Internacional da Danza, pon de manifesto a aposta desde a Concellaría por chegar ao maior número de públicos atendendo a todo tipo de espectáculos. Nesta ocasión propomos actividades que van desde a danza para os máis pequenos ata a máis contemporánea, pasando pola danza tradicional”

En total, serán cinco eventos que se desenvolverán a partir deste venres, día 24 de abril, e prolongaranse ata o xoves 30. A proposta pretende conectar cos distintos públicos e, por este motivo, inclúense todo tipo de espectáculos que van desde o baile tradicional ata o máis contemporáneo:

– Venres, 24 de abril: Soños en movemento II (Ágora, 21.00 horas), de Bágoas Danza Contemporánea. Nesta segunda edición de Soños en movemento, participarán compañías e grupos profesionais de distintos estilos: bollywood, danza do ventre, hawaiano e taitiano, danza contemporánea, jazz contemporáneo, danza española, ballet clásico, salsa, bachata, danzas do mundo e claqué. En concreto, participarán Raquel Piñeiro, bailarina profesional da Compañía Nacional de Caracas; Marián Argüelles, profesional coruñesa das danzas orientais; Danzarche Betanzos; Danzalia Mundi; Domingos Magalhaes; Verónica Sexto; Tania Arias; Tania Ballydance; Enrique e Carmina; e Lúa Centro de Danza.

– Sábado, 25 de abril: V Festival Infantil O Berce de Donaire (Ágora, 17.30 horas), da Asociación Cultural Donaire. Actividade organizada dentro dos actos de celebración do décimo aniversario da asociación e que ten como obxectivo que os nenos e nenas mostren todo o apreso durante o curso. Participan Canteira de Queiroa (Sada), Cantigas e Frores (Lugo) e a Escola da Asociación cultural Donaire.

– Mércores, 29 de abril: Xacarandaina na rúa. O grupo tradicional percorrerá a cidade para levar a danza por toda a cidade. Así, a partir das 19.00 horas, a asociación bailará ata a praza de María Pita desde o parque de Marte pola praza de España; desde Historiador Vedía por San Andrés; e desde a praza de Ourense polos Cantóns.

Ademais, dentro destes actos de conmemoración, inclúense dous espectáculos do programa TRCDanza do Teatro Rosalía Castro.

– Mércores, 29 de abril. Danza contemporánea. Blondy´s Coffee: Peza soa para dúas mulleres (Entremans), con Kirenia Martínez e Beatriz Pérez. Tarifa de 10 euros.

– Xoves, 30 de abril. Danza contemporánea. Je che haime (HURyCAN), con Candelaria Antelo & Arthur Bernard Bazin, con tarifa de 5 euros ou acceso gratuíto entregando en despacho de billetes o resgardo da entrada do espectáculo Blondy´s Coffee.

“Como sempre, o noso principal obxectivo é completar o proceso de normalización da danza; educar á poboación máis nova nas disciplinas artísticas; e dar visibilidade aos artistas galegos e coruñeses”, destacou a concelleira.

“Estas celebracións -continuou- únense á programación estable de espectáculos de danza e artes do movemento da que se nutren o Fórum Metropolitano ou a Ágora”.

A concelleira de Cultura convidou a todos os coruñeses amantes da danza a achegarse aos diversos espectáculos programados e animou ao público en xeral a iniciarse “no apaixonante mundo da danza”, concluíu Fernández, quen lembrou que os espectáculos son gratuítos ou a prezos alcanzables co obxectivo de introducir a danza, “unha linguaxe común e universal, nos nosos hábitos de lecer”.

21 de abril de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.