O Conservatorio de Vilagarcía ofrece 31 prazas de novo acceso en once especialidades instrumentais
A Xunta Local de Goberno aprobou a oferta pública de prazas de novo acceso no Conservatorio Municipal de Música para o vindeiro curso 2015/16. Un total de 31 alumnos poderán acceder ás ensinanzas regradas musicais no centro vilagarcián para formarse en 11 especialidades instrumentais que se reparten entre o Grao Elemental e o Grao Profesional. Para poder cursar estes estudos, os aspirantes deberán superar unhas probas de nivel.
O número de prazas vacantes dispoñibles no grao elemental para o vindeiro curso é de 13 que se reparten entre 9 especialidades instrumentais: clarinete (2), gaita (1), guitarra (1), piano (3), saxofón (1), trombón (1), trompa (1), trompeta (1), violín (2)).
No grao profesional, ofértanse un total de 18 prazas distribuídas en 8 instrumentos: piano (3), Guitarra (3), Frauta (3), clarinete (3), violín (2), gaita (2), percusión (1) trompeta (1).
No presente curso o Conservatorio conta con 11 alumnos, 60 do grao Elemental e 62 do Profesional. As prazas que se ofertan para o 2015/16 corresponden maioritariamente ás vacantes que van deixando os alumnos que rematan estudos, e tamén a algún que deixe o centro.
Inscrición no mes de maio
Os interesados en acceder ao Conservatorio deberán inscribirse para a realización das probas de acceso. O trámite realizarase do 11 ao 21 de maio nas oficinas do centro, sitas no primeiro andar do Auditorio, en horario de 10 a 13:30 horas e de 16 a 20:0 horas.
As probas de acceso aos dous cursos, celebraranse na segunda quincena do mes de xuño 2015. Toda a información precisa está dispoñible na web www.conservatoriovilagarcia.es











