O concurso “Carballo, mirando ao mar” premia con 5.000 euros os mellores textos e imaxes sobre Razo e Baldaio

Presentación “Carballo, mirando ao mar”
Xa está aberto o prazo dende hoxe xoves 30 de abril e até o luns 25 de maio para participar no Premio Fotopoético “Carballo mirando ao mar”, incluído no proxecto do Grupo de Acción Costeira GAC3-Costa da Morte. O concurso repartirá 5.000 euros en premios en catro modalidades creativas nas que se deben presentar propostas inéditas sobre a contorna natural de Razo e Baldaio e que están galardoadas con 1.250 euros cada unha: fotografía, textos poéticos, fotopoema e videopoema. O Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, explica que os obxectivos da iniciativa son, ademais de incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa carballesa, así como poñer en valor os recursos costeiros de Carballo e concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural, os de “aumentar o banco de imaxes” do Concello sobre Razo e Baldaio, “darlle unha oportunidade á creación literaria” e “publicar un libro ao final” cunha escolma dos mellores traballos presentados. Regueira subliña que se trata dun “certame moi digno, con premios moi apetecibles” dirixido a “persoas que teñen algo que dicir no campo da literatura e da imaxe”.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén resaltou que, aínda que pareza mentira dada a excelencia da contorna natural de Razo e Baldaio, “hai moita xente que pensa que Carballo non ten mar”. Para Ferrero, “aínda que esa barreira estase rompendo”, espera que iniciativas como este premio “sirvan de reclamo para que outras olladas redebuxen o espazo de Razo-Baldaio” e que a contía dos premios “incentive a participación”. Respecto das características do premio máis polo miúdo, as catro modalidades divídense en individuais e colectivas. No primeiro caso, as categorías son fotografía e textos poéticos. A fotografía debe ser inédita de creación propia e poderanse presentar en branco e negro ou cor, naturais ou manipuladas, con total liberdade técnica e de procedemento. Os textos debe ser un poema ou conxunto de poemas ou textos poéticos inéditos en galego de creación propia cun mínimo de 80 versos e un máximo 250.
No segundo caso, trátase fotopoema e videopoema, no que poden presentarse persoas a título individual pero tamén pode ser unha obra colectiva. Na modalidade de fotopoema, debe presentarse un connxunto inédito de imaxe e poema de creación propia, con fotografías en branco e negro ou cor, naturais ou manipuladas, con total liberdade técnica e de procedemento, acompañadas dun poema en galego de entre catro e 30 versos. No caso da modalidade de videopoema, poderán presentarse creacións en galego de entre 1 e 4 minutos, de tratamento estético e visual libre, mais nos que teña presenza clara na imaxe o espazo natural Razo-Baldaio. O vídeo debe ser inédito, mais pode ser realizado sobre un poema non inédito, sempre que se teña permiso do autor ou autora ou sexa un poema libre de dereitos.
Os interesados e interesadas poden descargar as bases ao completo en pdf máis abaixo nesta mesma nova, na que tamén se detallan os formatos para presentar as creacións así como os espazos nos que hai que presentalas, ademais dos prazos e os premios máis polo miúdo.











