O Concello de Vilagarcía contará con 20 novas contratacións exclusivas para parados beneficiarios da Risga
Vinte persoas en situación de desemprego beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) poderán acceder ao mercado laboral mediante contratos co Concello de Vilagarcía. A Consellería de Traballo comunicou onte a concesión da subvención solicitada por Ravella para contribuír a sacar do risco de exclusión social ás persoas máis vulnerables ofrecéndolles un emprego. A subvención concedida ascende a 135.312 euros.
As 20 contratacións enmárcanse en catro programas diferentes. O máis numeroso é o de Conservación, Rehabilitación e Acondicionamento de Infraestruturas e Espazos Medio ambientais, composto por 17 peóns. A través do programa de Bibliotecas contratarase a un Licenciado en Historia mentres que para os de Comunicación e Animación seleccionarase a un licenciado en Xornalismo e un Animador, respectivamente.
Segundo as bases da convocatoria realizada pola Consellería de Traballo e benestar, os contratos terán unha duración de 7 meses e polo 75% da xornada laboral.
A notificación da resolución da Xunta de Galicia chegou onte polo que darase conta da mesma na Xunta Local de Goberno de mañá, a efectos de iniciar o trámite para a selección do persoal. O Concello remitirá a principios da próxima semana a oferta de emprego ao Servizo Público de Emprego que será quen seleccione entre as persoas desempregadas anotadas nas súas listas, aquelas que se axusten aos perfís demandados. O requisito fundamental é que os aspirantes deben ser persoas perceptoras da Risga, e esta convocatoria está destinada a este colectivo sen apenas recursos e en grave risco de exclusión social.
Esta é a segunda convocatoria de contratacións de beneficiarios da Risga que realizará o Concello. A finais do pasado ano, a través da primeira edición deste programa, incorporáronse ao plantel municipal outros 20 traballadores coas mesas condicións.











