O Concello de Verín incorpórase ao circuíto da Agadic ‘Cinemas de Galicia’
A Casa da Cultura de Verín súmase este ano á rede municipal ‘Cinemas de Galicia’, creada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), cunha primeira programación de catro películas que dará comezo mañá venres, ás 20.30 horas, coa comedia francesa ‘Meu deus, pero que che fixemos?’ A proxección do filme de Philippe de Chauveron, que conseguiu un enorme éxito de billeteira en Francia con máis de 12 millóns de espectadores, repetirase o sábado 18 á mesma hora.
Tras estas dúas sesións, a carteleira centrarase na produción galega, tanto para o público adulto como para o familiar. Así, o venres 24 e o sábado 25 de abril poderá verse en Verín a longametraxe ‘Os fenómenos’, do realizador Alfonso Zarauza, unha das grandes triunfadoras da recente gala de entrega dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, onde recibiu os galardóns á mellor película, director e guión. Ambos os pases terán lugar ás 20.30 horas.
Público familiar
Xa en maio, a Casa da Cultura acollerá dúas sesións especialmente dirixidas aos espectadores máis novos con dúas fitas galegas de animación: ‘O pequeno mago’, de Roque Cameselle, exhibirase o domingo 3 de maio, ás 17.00 horas, mentres que ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, dirixida por Alex Colls, proxectarase o domingo 10 de maio á mesma hora.
Verín é, xunto con Ortigueira e Redondela, unha das novas incorporacións de ‘Cinemas de Galicia’ tras a experiencia piloto desenvolvida a finais do pasado ano nos concellos do Carballiño, Foz, As Pontes e Sanxenxo. A súa prioridade é aumentar as posibilidades de ver cine en pantalla grande en Galicia, principalmente naquelas localidades que non contan con salas comerciais, así como favorecer a distribución dos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Deste xeito, en 2015 a Agadic pon a disposición dos espazos asociados un catálogo de 27 películas, das que 16 son títulos galegos de moi diferentes xéneros e as 11 restantes, producións españolas e europeas.











