publicidade hoxe

O Concello de Ribadumia prepara a VII Feira da Familia con obradoiros e actividades para pais, nais e fillos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Ribadumia, no seu compromiso cos veciños do municipio, e dentro das actividades do Programa de Educación Familiar, prepara a VII Feira da Familia con motivo do “Día Internacional da Familia”. A feira terá lugar o vindeiro 17 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas na Praza do Concello -en caso de que choiva trasladarase ó Pavillón de Barrantes-.

A festa contará con numerosos obradoiros e actividades para que pais e nenos participen xuntos no día máis familiar do ano. Durante a tarde do domingo a Praza do Concello acollerá varios talleres que preparan os monitores para pais e nenos: inchables, búfalo mecánico, obradoiros [etc]. A tarde estará amenizada a cargo de “As Titiriteiras” co seu show musical. O Concello porá a disposición dos nenos un servizo de merenda gratuíto para que collan forzas e poidan continuar coas actividades.

Todas as actividades son gratuítas e abertas a todo o público, pero recomendamos que os participantes pasen polo Concello a anotarse na oficina do Técnico en Intervención Familia de luns a venres, en horario de 9:00 a 15:00 horas co fin de facer unha estimación do número de participantes e poder conseguir un axeitado desenvolvemento das actividades.

A inscrición xa está dispoñible e permanecerá aberta ata o 15 de maio. A cada participante que se inscriba no Concello entregaráselle un ticket para a merenda.

A organización desta sétima edición contará coa incesante axuda dos/as voluntarios/as do Servizo de Voluntariado Social do Concello de Ribadumia como apoio nas actividades da feira. Nesta edición tamén colaborará o Servizo de prevención e asistencia a drogodependentes de Vilagarcía (SPAD) da Residencia de Anciáns Geriatros de Ribadumia.

27 de abril de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.