publicidade hoxe

O Concello de Ponte Caldelas achega 22.000 euros ao convenio de colaboración coa S.C.D. Pontecaldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e o presidente da Sociedade Cutural e Deportiva Pontecaldelas, Pedro César Rodríguez Souto, asinaron o convenio anual de colaboración dotado de 22.000 euros para fomentar a práctica e o ensino deportivo a través da Escola de Fútbol que mantén operativa o club nas instalacións do Campo Municipal de Chan da Barcia desde fai 20 anos.

Este acordo, agora renovado, permite á Escola de Fútbol da S.C.D. Pontecaldelas continuar co seu importante labor formadora de nenos e nenas nunha actividade tan completa como a práctica deportiva a través do coñecemento do fútbol.

Perfecto Rodríguez destacou a importancia do labor que desenvolve esta institución entre a mocidade do municipio e puxo en valor o esforzo que realiza o Concello para, a pesar dos tempos nos que estamos, marcados polas estreitezas económicas, manter todos os anos como unha das súas prioridades a subscrición deste acordo que agora se plasma.

O alcalde sinalou o importante traballo que realiza esta Escola de Fútbol, non só no apartado deportivo senón tamén no seu carácter como formadora e educadora de nenos que, desde os 5 ó 6 anos inícianse na práctica deportiva e aprenden tamén hábitos de hixiene persoal, traballo en equipo, o valor do sacrificio e do esforzo para conseguir os seus obxectivos. En total integran a Escola de Fútbol un total de 130 entre nenos e novos.

Pola súa banda, o presidente da S.C.D. Pontecaldelas agradeceu ao alcalde o respaldo da institución municipal ao traballo que realiza esta escola de fútbol e sinalou que o compromiso do club está ligado non só aos resultados deportivos senón á creación das condicións necesarias para favorecer o acceso de todos aqueles nenos e nenas que así o desexen á práctica do fútbol nun ambiente de harmonía que favoreza a formacion como persoas dun gran número de mozos.

Pedro Rodríguez trasladou o agradecemento da súa xunta directiva ao Concello e sinalou que sen o apoio municipal, non só a través deste convenio, senón tamén coa cesión das instalacións de Chan da Barcia, o traballo da S.C.D. Pontecaldelas e a súa Escola de Fútbol sería imposible.

28 de abril de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.