O Concello de Ourense organiza un espectáculo teatral sobre a o universo literario da cidade
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense presentou esta mañá o espectáculo teatral O corazón de Auria. Esta actividade lévase a cabo con motivo da celebración do día internacional do libro, e esta baseada, no pasado literario da cidade, coma o libro de Eduardo Blanco Amor La Catedral y el niño.
Mañá xoves día 23 ás 20 h, o venres 24 ás 19 h e o sábado 25 ás 12 h e 20 h poñerase en escena esta representación que terá como punto de partida a escalinata da fachada principal da Catedral – na Praza de San Martiño – para continuar facendo o percorrido arredor da propia Catedral pola praza do Trigo seguindo por praza dos Suaves, encarando a rúa Juan de Austria ata a Porta norte para dende alí volver ao lugar onde dera comezo e onde rematará o espectáculo, a Fachada principal da Catedral.
O corazón de Auria concibe á Catedral coma o corazón de Ourense, centro e sé dos seus sentimentos e tamén coma un libro no que conten a historia da cidade. Se o libro alude a un tipo de saber racional, o corazón faino a un saber intuitivo pero non menos veraz. Relacionamos estas dúas formas de saber con Ourense, a cidade da historia e Auria, a cidade da lenda.
A Catedral será polo tanto a verdadeira protagonista deste espectáculo inédito que foi creado para a ocasión e que pretende pór en valor o patrimonio da cidade ao mesmo tempo que celebramos o día internacional do libro. O Corazón de Auria e unha obra escrita polo dramaturgo Fernando Pedrido e dirixida polo ourensán Tito Asorey.











