O Concello de Ourense convoca as axudas de apoio ás familias para a compra de libros e comedor escolar
O Concello de Ourense dará apoio un ano máis ás familias ourensás para afrontar os gastos do vindeiro curso escolar 2015/2016. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá a convocatoria das axudas, que a Concellería de Benestar Social concederá a familias con escasos recursos económicos para os gastos de aquisición de libros en Educación Infantil e sufragar os custes do servizo de comedor escolar para alumnado de Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria, que estude en centros públicos ou concertados.
O programa de axudas, na súa última convocatoria, para o curso 2014/15, está a dar apoio a un total de 254 nenos e nenas para a adquisición de libros e a 577 para comedores escolares.
As familias solicitantes deberán estar empadroadas no Concello de Ourense, ter nenos ou nenas matriculados en centros de Educación Infantil (no caso das axudas para libros e material escolar) ou matriculados/as en Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria no caso de comedor escolar.
As familias non deberán superar 3.500 euros de renda per capita anual. Computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén no caso de ser familia monoparental (a constituída por unha soa persoa proxenitora/titora con quen convive o neno ou nena e que é a única sustentadora da familia).
As axudas para libros e material escolar serán de 90 euros por escolar de 1º de Infantil (3 anos), de 110 euros para os de 2º de Infantil e de 125 euros para os de 3º de Infantil. No caso das axudas para comedor, as axudas serán da totalidade do custe nos centros públicos e de 45 euros ao mes nos concertados.
A convocatoria aprobada esta mañá en Xunta de Gobenro Local publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e abrirase un prazo de 15 días hábiles, para que as persoas interesadas podan presentar as súas solicitudes, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ourense (na planta baixa da Casa do Concello, na Praza Maior) segundo o modelo normalizado. Tamén poden solicitar máis información na Concellería de Benestar Social.
Melloras na Praza de Abastos
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a asociación de comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense para a realización de melloras do mercado municipal. Estas consistirán na instalación dun ascensor e renovación do pavimento da Praza. Suporán un investimento de 100.000 euros, financiados a través dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia.
Ourense inserta
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou os convenios de colaboración entre o Concello de Ourense e 10 empresas ourensás polos que alumnos e alumnas usuarios/as do proxecto de inserción sociolaboral Ourense Inserta terán a posibilidade de realizar prácticas en empresas e entidades daqueles sectores nos que recibiron formación dentro deste programa municipal, centrado nos sectores de atención sociosanitaria, medio natural e hostalaría.
Serán, en concreto as empresas Dani&Gus, Cehosga inversiones y servicios S.L., R.T. Escher S.C., José Camba Llamazares, Choupana Bapareira Serviios Hostelería S.L., Valencia&Malingre S.L., asociación Aixiña, José Ramón Martínez Estévez, Serunión S.A. e Sociedad textil Lonia.











