O Concello de Ourense aproba a Oferta Pública de Emprego coa convocatoria de 25 prazas de promoción interna
A concelleira de Recursos Humanos, Marga Martín, aprobou no día de onte a convocatoria da Oferta Pública de Emprego do Concello de Ourense correspondente ao ano 2014, que inclúe tanto prazas de administración xeral como especial. Trátase da convocatoria de 8 procesos de promoción interna mediante concurso oposición, para a cobertura de 25 prazas de diferente natureza, á que hai que engadir unha praza máis de mobilidade.
A oferta permitirá aos empregados e empregadas do Concello de Ourense unha oportunidade sen precedentes para avanzar na súa carreira administrativa, ao tempo que se atenden diferentes necesidades organizativas. Deste xeito, o Concello aproveita ao máximo as posibilidades permitidas pola Lei de orzamentos xerais do Estado, que fixo unha importante aposta pola cobertura de prazas a través de promoción interna do persoal municipal.
As prazas ofertadas inclúen as correspondentes ao corpo da policía local, servizo de extinción de incendios e outros servizos que nos últimos tempos se viron perxudicados pola reducción de persoal, consecuencia das limitacións ás novas incorporacións, impostas pola normativa estatal básica:
– Técnico en xestión: 2 prazas
– Administrativo: 4 prazas
– Sarxento de incendios: 1 praza
– Cabo de incendios: 8 prazas
– Delineante: 2 prazas
– Oficial de cemiterios: 3 prazas
– Inspector da policía local: 2 prazas
– Oficial da policía local: 4 prazas (3 prazas de promoción interna e 1 praza de mobilidade).











