publicidade hoxe

O Concello de Oleiros organiza unha charla sobre o Párkinson

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, a través da Concellaría de Sanidade e conxuntamente coa Asociación de Párkinson Galicia-Coruña, organizan unha charla sobre esta enfermidade o próximo martes 28 de abril ás 20.15 horas no Teatro As Torres de Santa Cruz. «Coñece a enfermidade de Parkinson. Como te podemos axudar?» é o título da conferencia impartida por Sandra García González, fisioterapeuta da asociación, dirixida ás persoas que sofren esta doenza, ás súas familias, ademais dos profesionais do social e do sanitario que traballan con elas.

Esta asociación traballa para axudar e dar apoio aos/ás enfermos/as de Párkinson e aos seus familiares-coidadores co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Fisioterapia, logopedia, hidroterapia, estimulación cognitiva, masaxes, estiramentos e relaxación… son algúns dos moitos servizos que ofrece esta asociación e que quere dar a coñecer no marco do recentemente celebrado Día Mundial do Parkinson o pasado 1 de abril.

O Concello de Oleiros, como vén facendo con outras enfermidades, segue a ofrecer espazos de divulgación e coñecemento sobre aquelas doenzas que mais afectan á poboación e teñen unha repercusión directa sobre o doente, a familia e a súa calidade de vida. O outro obxectivo destas charlas é informar sobre os recursos e as solucións cos que contan na súa contorna máis próxima.

24 de abril de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.