O Concello de Lugo terá que endebedarse despois de que o PP rexeita financiar investimentos con aforros municipais
O Pleno do Concello de Lugo rexeitou esta tarde a proposta do Goberno local de renunciar a pedir o crédito previsto nos Orzamentos municipais porque o superávit co que se pecharon as contas municipais de 2014 permite financiar os investimentos previstos con parte deses aforros.
A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, explicou no Pleno municipal que a renuncia a contraer o préstamo de 2,8 millóns de euros previsto no Orzamento municipal suporía seguir diminuindo a débeda do Concello de Lugo que xa é a metade da que deixaron os Gobernos do PP.
Sen embargo, a postura do Partido Popular, que votou en contra da iniciativa, impide que o Concello de Lugo adique a investimentos parte do superávit de 2014, que foi de 10,7 millóns de euros. A proposta do Goberno local tivo o voto favorable do PSOE e o BNG abstívose.
Por outra parte, a Corporación municipal aprobou o modelo de xestión directa do ciclo da auga, unha vez que a nova lexislación estatal impide a creación da proxectada Empresa mixta con maioría de capital do Concello. Esta decisión tomouse co apoio do PSOE e o BNG e a abstención do PP.











