O Concello de Gondomar recibirá 181.436 euros para humanizar unha rúa, construír unha pista de tenis e instalar unha estación de bombeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarPontevedra
A-
A+

A Deputación aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, a concesión de 181.436 euros ó Concello de Gondomar para desenvolver tres obras: a humanización dunha parte da rúa Emigrante, a construción dunha segunda pista de tenis no parque das Cercas e a instalación dunha estación de bombeo no lugar de Lousado, na parroquia de Borreiros.

Para humanizar parte da rúa Emigrante, entre as rúas Ángel Urzáiz e Levada do Beco, e facilitar a mobilidade de peóns e veciños achegaranse 60.494 euros. Instalaranse novas beirarrúas con beirados e perfiles de granito e de 2 m de ancho (agora son descontinuas e de diferente anchura), construiranse pasos elevados para peóns e colocarase a iluminación pública e un pavimento unificado.

A construción da segunda pista de tenis no parque das Cercas suporá un investimento de 60.469 euros. Este parque, de 3,5 ha,. xa conta cunha pista de baloncesto, unha de skate board, un paseo fluvial, campos de birlos, xardíns e un sendeiro deportivo.

Esta segunda pista de tenis permitirá aumentar a oferta deportiva, mellorar as condicións das beiras do río Miñor, mediante o uso da rasante natural das beiras do leito, e acondicionar o contorno das instalacións deportivas e recreativas, mellorando as instalacións pluviais e de drenaxe ó longo das novas pistas e do sendeiro existente.

Finalmente, a instalación e o equipamento de bombeo de augas residuais no lugar de Lousado terá un orzamento de 60.473 euros.

A parroquia conta cunha rede de saneamento que recolle as verteduras das vivendas e as conduce cara a unha fosa séptica que se atopa na parte baixa da urbanización.

Con esta obra trátase de instalar un pozo de bombeo no lugar no que se atopa a fosa séptica e canalizar as verteduras de augas residuais cara a rede de saneamento municipal xa existente. Esta nova instalación funcionará de forma automatizada.

10 de abril de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.