O Concello de Ferrol renova o convenio de colaboración con Teima-Síndrome de Down
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un convenio de colaboración coa asociación Teima-Síndrome de Down, entidade que centra a súa intervención no ámbito social e sanitario. O primeiro edil da cidade estivo acompañado pola presidenta de Teima, Patricia Serantes Castro; e pola concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Este acordo de cooperación permitirá o desenvolvemento do proxecto “Participando. Inclusión social na vida adulta”. Jose Manuel Rey destacou que a firma deste convenio supón que dende a Administración municipal “cumprimos coa nosa obriga para que Ferrol siga a ser unha cidade que se significa na atención das persoas con diversidade”. Neste senso, o primeiro edil da cidade manifestou a súa aposta por convenios como o rubricado esta mañá, ao tempo que engadiu que Teima “sempre contará co noso apoio”.
O acordo de colaboración asinado hoxe coa entidade permite mellorar as competencias básicas en materia de autonomía e autoxestión para persoas con discapacidade intelectual así como o desenvolvemento de cursos de competencias claves de cara ao apoio para a inserción laboral.
Competencias clave e envellecemento activo
Pola súa banda, a presidente de Teima- Síndrome de Down agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol e sinalou que doce usuarios se presentarán na vindeira convocatoria dos cursos de competencias clave en nivel 2 e 3. “Este acordo tamén nos permite a posta en marcha dun programa de envellecemento activo para a mellora da calidade de vida así como da autonomía” explicou.
A achega municipal para poñer en funcionamento o proxecto de inclusión social na vida adulta é de 35.000 euros.











