O Concello de Ferrol renova o convenio de colaboración co Club de Remo A Cabana
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá o convenio de colaboración co Club de Remo A Cabana para a tempada 2015, coa presenza do presidente desta entidade deportiva, Javier López García; e da concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós. O importe do acordo ascende a un total de 26.000 euros, cantidade que supón o mantemento da achega municipal ao devandito club ferrolán.
Rey Varela detallou que este convenio ten un dobre obxectivo: a organización e celebración da XII Bandeira Cidade de Ferrol; e a colaboración nos gastos que supón para o Club de Remo A Cabana a participación dos seus equipos nas competicións oficiais organizadas polas federacións galega e española desta disciplina deportiva. Ao respecto, o primeiro edil da cidade destacou a importancia de potenciar e fomentar os deportes náuticos “que nos permiten gozar da nosa ría a través deles”.











