O Concello de Ferrol renova o convenio coa Cruz Vermella para o servizo de teleasistencia domiciliaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Cruz Vermella para o desenvolvemento do servizo de teleasistencia domiciliaria. No acto de sinatura estiveron presentes a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro Rojo; o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol, Francisco Vázquez Fontela; e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

Esta prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria, a través dunha liña telefónica e cun equipamento de comunicacións específico, posibilita a atención a persoas maiores e persoas con discapacidades dando una resposta rápida ante situacións de emerxencia as 24 horas e os 365 días do ano. Deste modo, favorecese a permanencia do usuario no seu entorno cotián e proporcionase tranquilidade aos seus familiares. A contía mensual deste servizo de teleasistencia domiciliaria é de 22 euros, dos que 17 euros son financiados polo Concello de Ferrol e os restantes 5 euros son abonados pola persoa usuaria (sendo gratuíto para os que teñan ingresos inferiores ao IPREM). A achega municipaL para este servizo é de 26.100 euros, pero con posibilidade de aumento deste convenio de colaboración por parte da Administración Local se fose necesario.

Na súa intervención, o primeiro edil da cidade manifestou a súa satisfacción por renovar este convenio de colaboración coa Cruz Vermella, “por que as persoas maiores son prioritarias para o noso Goberno”. Neste senso, Jose Manuel Rey Varela valorou a experiencia dos maiores, destacando “a débeda que temos con eles e que debemos devolverlles”. O rexedor municipal explicou que o servizo de teleasistencia é fundamental para que “os nosos maiores poidan estar comunicados de maneira ininterrompida ante calquera emerxencia as 24 horas do día e os 365 días do ano”. Un total de 104 persoas do municipio ferrolán son beneficiarias na actualidade destes servizos, das cales 34 pertencen á zona centro da cidade, 27 a Caranza, 31 a Recimil e os Ensanches, e os restantes 12 ao rural ferrolán. O alcalde tamén indicou que non existe lista de espera para poder acceder a este servizo.

Medio millar de veciños atendidos

Pola súa banda, o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol, Francisco Vázquez Fontela, quixo agradecer a firma do convenio que dende hai anos segue funcionando e que conta coa colaboración do Concello de Ferrol e da Xunta de Galicia. Esta colaboración vense mantendo dende o ano 1994 ; e o ano pasado este servizo atendeu a un total de 500 veciños/as de Ferrol “Coa renovación deste convenio podemos garantir que persoas en situación de vulnerabilidade, quenes peor o están pasando, non se queden sen este apoio que para moitos deles é fundamental”.

A teleasistenci domiciliaria permite responder con rapidez e eficacia ante unha emerxencia, pero tamén garantir que as persoas maiores non se quedan ao marxe, que se manteñen activos e cun bo estado de saúde física e mental. Neste senso, o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol destacou a importancia de “estar ao lado das persoas maiores nos momentos de emerxencia, pero tamén chamalos períodicamente para saber como se atopan, se podemos facer algo máis por eles, e organizar actividades que lles permitan relacionarse con outras persoas”.

30 de abril de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.