O Concello de Ferrol renova o convenio coa Cociña Económica

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Cociña Económica para a atención humanitaria de persoas sen recursos económica. O primeiro edil da cidade rubricou hoxe este acordo co presidente da institución benéfico, Antonio Tostado Naveiras, en presenza da concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro.
Rey Varela destacou a importancia deste convenio de cooperación entre a Administración ferrolá e a Cociña Económica “porque como Concello somos un máis dos máis de 1.500 ferroláns que contribúen con esta institución benéfica”, engadindo que nos momentos de dificultade “é cando a solidariedade ten que estar máis presente”. O Concello de Ferrol contribúe con 75.000 euros a este acordo que permite “unha seguridade importante para a Cociña Económica”, dixo o alcalde. E ao fío disto, Jose Manuel Rey Varela referiuse ao proceso de transformación da cidade no que están inmersos todos os departamentos de Benestar Social e as institucións benéficas “proceso permanente que trata de atender ás persoas máis necesitadas cada vez mellor”.
Pola súa banda, o presidente da Cociña Económica, Antonio Tostado, quixo agradecer ao Concello de Ferrol “a colaboración e compromiso coa institución nestes anos tan difíciles”, ao tempo que destacou que esta cooperación “pon en valor unha maior eficiencia e estabilidade na atención ás persoas máis necesitadas”. Neste senso, Antonio Tostado sinalou que máis de 320 persoas son atendidas a diario no servizo de comidas.











