O Concello de Ferrol impulsa dous cursos gratuítos de relaxación, benestar e defensa persoal
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, impulsa dous novos cursos gratuítos centrados na relaxación, benestar e defensa persoal que se desenvolverán os vindeiros meses de maio e xuño na Casa da Muller. O prazo de inscrición estará aberto dende mañá mércores e até o vindeiro 6 de maio. As solicitudes para participar nos obradoiros “Respira, reláxate… ¡e sorrí!” e “Técnicas de defensa persoal para corpo e mente” deberán ser entregadas no Rexistro Xeral do Concello. Ámbolos dous talleres terán lugar durante os meses de maio e xuño.
“Respira, reláxate…¡e sorrí!” ten como obxectivo aprender a respirar, xa que como respiramos afecta de forma directa ao comportamento da nosa mente e a saúde en xeral de todo o organismo. Tamén, se ensinarán técnicas de relaxación que axuden a equilibrar o noso corpo e a nosa mente para vivir a realidade cotiá dun xeito máis sereno, estable e seguro. Entre os beneficios destas prácticas están reducir o estrés e a ansidade ou angustia vital; ampliar a atención, a concentración e o dominio das emocións; e compartir experiencias positivas e fomentar o traballo en equipo e a integración. Este obradoiro de relaxación será impartido pola profesora internacional de ioga, María Rodríguez Ruíz, e se desenvolverá os luns e mércores, de 18:30 a 19:45 horas, na Casa da Muller. Terá unha duración total de 10 horas e o límite de prazas para este taller é de 16 persoas.
En canto ao curso de “Técnicas de defensa persoal para corpo e mente”, utilizará a defensa persoal para conectar coa forza e poder interior. Aprenderase técnicas de combate propias de Wing Chun e MMA (Mixed Martial Arts) e os principios pedagóxicosd do Coaching con PNL, para axuda tamén a reeducar a mente e o desenvolvemento na vida cotiá. Os obxectivos deste obradoiro son aumentar as capacidade físicas -resistencia, forza, equilibrio…-, mentais -atención, control, disciplina…- e afectivas -motivación, autoestima, seguridade…-; aprender dende a experiencia prñáctica técnicas de defensa persoal efectivas; desenvolver unha actitude combativa sá, que aporta seguridade e tranquilidade en situación de estrés emocional ou ante unha suposta agresión física e verbal.
Antonio Busom Fernández, instrutor especialista en desenvolvemento persoal, impartirá este curso de 18 horas que se desenvolverá os martes e xoves, de 17:45 a 20:00 horas, na Casa da Muller. As persoas interesadas en participar neste obradoiro de defensa persoal non deberán superar os 55 anos nin estar afectados por ninguna lesión grave ou enfermidade que limite o movemento, xa que será necesario poder realizar exercicios con certa intensidade. O límite de prazas para este curso é de 12.











