O Concello de Ferrol cede a catro entidades o uso de espazos nas instalacións municipais da rúa Almendra
O Concello de Ferrol cederá de maneira gratuíta catro locais a diferentes entidades do municipio nas instalacións municipais situadas na rúa Almendra, e que até a data tiñan usos relacionados coa área de Xuventude. Esta cesión permitirá que catro entidades, que carecían de local e que cursaron a súa solicitude, poidan dispoñer dunha sede para desenvolver a súa actividade en beneficio da cidade.
Dita proposta foi ditaminada onte na comisión informativa de Economía, Facenda e Recursos Humanos que preside Alejandro Langtry Caínzos e mañá xoves terá que ser ratificada polo Pleno. Así as cousas, os beneficiarios desta cesión de espazos son: a Confraría da Vela, o Círculo Europeo das Artes, o Club de Prensa e o Club Ferrolvento Windsurf.











