O Concello de Carballo reúne nunha guía os recursos para a mocidade dispoñibles no municipio
A Concellería de Mocidade vén de editar a primeira guía de recursos para a xunventude do Concello de Carballo. A publicación foi presentada no IES Alfredo Brañas dentro da Semana das Artes e das Letras organizada polo instituto, e nos próximos días estará dispoñible tamén nos outros dous centros de secundaria e nos servizos públicos máis utilizados polos mozos e mozas. REC é unha completa guía que recompila en 28 páxinas todo tipo de recursos, cun deseño no que priman a cor e a simboloxía asociada á música. Pero o máis importante da publicación é o seu contido e a descrición detallada de todos os servizos existentes para mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. Así, por exemplo, dáse conta da existencia da Escola Oficial de Idiomas, a Aula de Teatro, as salas de exposicións, a Aula de Informática, os locais de ensaio ou o Conservatorio Profesional de Música que se desenvolven no Pazo da Cultura. Pero tamén compila recursos menos coñecidos, como todos os que ofrecen os Servizos Sociais municipais ou o Centro de Información á Muller (CIM) para estas idades, ou o propio Museo de Bergantiños, que moitos dos asistentes á presentación recoñecían descoñecer.
Precisamente para paliar esa falta de información farase unha distribución masiva da guía de recursos, cunha primeira edición de 3.000 exemplares, e tamén se difundirá en formato dixital a través de Internet nas páxinas web do Concello de Carballo e Turismo Carballo e nas distintas redes sociais dos servizos municipais. REC tamén inclúe información sobre recursos non municipais, coma o Espazo Xove da Xunta de Galicia ou o centro de información A Xanela, vinculado á parroquia. Ademais, conta cun apartado dedicado ao voluntariado, con iniciativas sociais abertas á colaboración da mocidade.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou na presentación da iniciativa que o importante é que cada mozo e cada moza poidan buscar e atopar recursos para facer o que lles gusta. Evencio Ferrero estivo acompañado polos concelleiros Daniel Pérez, responsable de Mocidade, e Marcos Trigo, de Deporte, Formación e Emprego e Medio Ambiente, áreas moi presentes en REC. Despois da presentación, na que participaron alumnos de 4º da ESO e Bacharelato, os mozos e mozas preguntaron diferentes cuestións. En concreto, interesáronse polos plans do Concello de Carballo para construír unha pista de skate, os usos da Biblioteca Rego da Balsa, a dispoñibilidade de ordenadores de uso libre e as propostas para o coñecemento da contorna, algo que, segundo os seus profesores, é unha materia pendente dos rapaces e rapazas.











