O Concello da Laracha solicita a colaboración da Xunta nun novo proxecto de mellora dos accesos ao polígono
O Concello da Laracha presentará á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia un novo proxecto referido á mellora dos accesos ao parque empresarial, solicitando a colaboración económica para o cofinanciamento do mesmo ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos polígonos industrial (DOG número 57 do 25 de marzo). Así foi acordado hoxe pola Xunta de Goberno Local na súa reunión ordinaria.
A actuación deseñada está valorada en 136.000 euros e inclúe a mellora das estradas que dirixen ao ámbito industrial desde as vías AC-552 (A Coruña-Fisterra) e DP-1913 (A Laracha-Baldaio).
O proxecto consiste na nova pavimentación con aglomerado asfáltico en quente de tres tramos da rede viaria que suman unha lonxitude lineal próxima aos mil metros. Completaríase a actuación coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
Proxecto mellora iluminación pública
Ao abeiro da convocatoria do Instituto Enerxético de Galicia para proxectos de aforro e eficiencia enerxética, o Concello da Laracha presenta un novo proxecto valorado nuns sesenta mil euros e relacionado coa mellora do servizo municipal de iluminación pública.
O goberno local pretende acceder a esta liña de subvencións para cofinanciar a substitución, renovación e mellora de cincuenta e tres cadros eléctricos do alumeado público en diversidade de zonas rurais, contemplando a inclusión nos mecanismos de reloxos astronómicos, elementos que permiten o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar, o que implica unha maior eficiencia e aforro enerxético.
Actualmente está pendente de resolución unha solicitude de subvención da Laracha de características similares presentada á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
No caso de que ambas axudas económicas fosen concedidas, o Concello renovaría por completo todos os cadros eléctricos do servizo municipal de iluminación pública situados nos núcleos rurais das trece parroquias.
Accións formativas para persoas desempregadas
Por último, o goberno local tamén acordou solicitar a organización dunha nova acción formativa para persoas desempregadas (AFD) á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
O Concello da Laracha pretende organizar e desenvolver un novo curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio trala boa experiencia dos levados a cabo nos últimos anos, a oferta real de postos de traballo existente neste sector e os interesantes datos de inserción laboral rexistrados.
No caso de que a subvención sexa concedida e o curso finalmente poidan organizarse, a selección das persoas participantes nos mesmos sería a través da oficina do Inem de Carballo por medio dunha oferta pública de emprego.











