O Concello da Laracha renovará as zonas axardinadas do paseo marítimo de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O paseo marítimo de Caión será obxecto dunha actuación promovida e financiada integramente polo Concello da Laracha e dirixida e renovar as zonas axardinadas existentes ao longo dos seus preto de tres quilómetros de percorrido.

Actuarase en tres puntos de diferentes: o ámbito máis próximo á praia (xunto ás zonas públicas habilitadas para aparcamento gratuíto dos vehículos), o tramo entre a a Confraría de Pescadores e a cetaria (o máis próximo ao centro da vila) e na Ínsua (fronte ao centro de saúde e o CEIP de Caión, lugar no que tamén existe un parque infantil).

As labores que se acometerán nos próximos días consisten na completa mellora das zonas verdes existentes, incluíndo a renovación da superficie (colocación de novos tepes de céspede, plantas de tipo ornamental e elementos decorativos, así como mallas que impedirán o xurdimento de especies impropias) e tamén dos servizos (nalgúns casos, reparacións e noutros, instalación do rego por aspersión, incluíndo a colocación de electroválvulas e programadores).

A actuación proxectada considérase beneficiosa tanto para os veciños da localidade como para o sector servizos e o turismo, xa que o paseo marítimo que percorre perimetralmente a vila é un lugar de continuo tránsito de peóns ao longo de todo o ano.

27 de abril de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.