O Concello da Laracha proxecta a creación dun roteiro no río Bradoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha, co obxectivo do poñer en valor lugares situados en zonas rurais do interior do municipio considerados de interese turístico pola súa historia, riqueza medioambiental e beleza paisaxística, promove un proxecto dirixido, por unha parte, a facilitar os accesos ao miradoiro de Santa Marta e, por outra banda, a crear un roteiro para realizar a pé ao longo dun tramo do río Bradoso.

O miradoiro está situado no alto do Monte de Santa Marta, entre as parroquias de Coiro, Soandres e Soutullo, a unha altura de 432 metros. Antigamente aquí se achaba a capela de Santa Marta, da que aínda se conservan os restos. Na actualidade o lugar está acondicionado e equipado como unha área de descanso desde a que se pode gozar dunhas espectaculares vistas da comarca de Bergantiños e mesmo do inicio da Costa da Morte. A actuación que promove o Concello da Laracha consiste na mellora das vías públicas que dirixen ao coto para facilitar os accesos tanto a pé como en vehículo.

Por outra parte, proxectouse a creación dun roteiro permanente para realizar a pé ao longo do río Bradoso, que discorre pola parroquia de Montemaior. O Concello proxectou a instalación da correspondente sinalización nun tramo desta conca fluvial co propósito de animar a veciños, visitantes e turistas e realización dunha ruta de sendeirismo na que poderán descubrir fermosas paraxes naturais, a biodiversidade existente nestas zonas e a importancia histórica dos muíños de auga, atopándose varios deles ao longo do percorrido.

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a colaboración da Axencia de Turismo de Galicia no cofinanciamento desta actuación ao abeiro da convocatoria de subvencións para a mellora da sinalización e accesibilidade aos recursos turísticos das zonas rurais (DOG núm. 53 do 18 de marzo de 2015).

Arquivo novo edificio administrativo

O Concello da Laracha ten proxectado o acondicionamento dunha das estancias do sótano do novo edificio administrativo para crear un arquivo que se destinará ao almacenamento e clasificación de documentación oficial e expedientes administrativos municipais.

O novo edificio administrativo xa conta cun arquivo equipado con estanterías móbiles.

Coa actuación deseñada polo Concello da Laracha crearíase outro rexistro municipal de similares características ao xa existente e nunha estancia contigua, facilitándose o traslado de documentos entre ambos lugares e aumentando tanto o espazo de almacenamento como o equipamento dispoñible, adiantándose ás necesidades que poidan presentar nun futuro a medio prazo.

O proxecto ten un orzamento total próximo aos 16.000 euros e acordouse solicitar o cofinanciamento desta actuación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universataria da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas económicas para o desenvolvemento de actuacións en materia de arquivos (DOG núm. 55 do 23 de marzo de 2015).

Oficina de información xuvenil

Pedirase a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para a realización de actividades dirixidas á mocidade, promoción da información xuvenil e desenvolvemento de propostas para a educación non formal e a participación social deste colectivo (DOG núm. 66 do 9 de abril de 2015).

Con cargo a esta liña de axudas o Concello da Laracha propón cofinanciar os gastos derivados do funcionamento ao longo de todo o ano da Oficina Municipal de Información Xuvenil.

A través deste servizo, ademais de ofrecer información –e tramitar as solicitudes- á poboación en xeral sobre as convocatorias de eventos, actividades, axudas e subvencións dirixidas á mocidade promovidas polas diferentes administracións, colabora na organización e desenvolvemento de programas culturais, deportivos e educativa propios que realiza o Concello da Laracha.

Facturas e certificacións de obras

A Xunta de Goberno Local autorizou, por último, o pagamento de facturas e certificacións de obras por un importe total próximo aos 100.000 euros.

Cabe salientar unha certificación parcial da obra de construción do pavillón polideportivo do CEIP Otero Pedrayo da Laracha e os gastos derivados da prestación ao longo do último mes do servizo de axuda a domicilio, a recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos e a limpeza de edificios e instalacións públicas municipais.

16 de abril de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.