O Concello da Laracha aproveita as condicións climatolóxicas favorables para acometer melloras na rede viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha, aproveitando as condicións climatolóxicas favorables das últimas xornadas, avanzou na execución dunha obra de mellora da rede viaria e ten previsto iniciar unha serie de actuacións a continuación. Actualmente está en fase de execución a mellora da vía de Gabenlle que dirixe desde a estrada provincial CP-1913 á área recreativa, que tamén comunica a zona coas parroquias de Golmar e Soutullo, así como co veciño municipio de Cerceda.

Nos próximos días está previsto iniciar as obras dirixidas a mellorar a sinalización horizontal e vertical nun tramo da estrada municipal que parte de Requesende (Golmar) e conclúe no límite con Cerceda, o que suporá un reforzo na seguridade viaria da zona.

Ademais, na próxima semana –sempre e cando as condicións climatolóxicas así o permitan- comezaranse a executar unha serie de actuacións de renovación do pavimento nas rúas Cuartel, Plácido Pedreira, Ferreira Penedo e 3ª travesía Doutor López Astray (neste último caso tamén se inclúen melloras na rede de recollida de pluviais). Todas elas son vías situadas no casco urbano da capital municipal.

O Concello da Laracha conta cunha rede de estradas públicas que alcanza os 642 quilómetros lineais e no termo municipal existen máis de trescentos núcleos de poboación rural, o que indica a importancia do mantemento en bo estado das vías municipais.

9 de abril de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.