O Concello da Coruña saca a concurso a mellora da Rosaleda dos xardíns de Méndez Núñez
O Concello da Coruña informa de que se sacaron a concurso as obras de mellora da zona da Rosaleda nos xardíns de Méndez Núñez. Cun orzamento de licitación de 419.988 euros e un prazo máximo de execución de 3 meses, os traballos desenvolveranse de acordo ás directrices do proxecto de Germán Camino (arquitecto), Mercedes Pérez (licenciada en Ciencias Ambientais e máster en Paisaxismo, Xardinaría e Espazo Público) e Pedro Pérez (licenciado en Ciencias Químicas e estudante de Arquitectura), que gañaron o concurso de ideas ao que se presentaron 34 propostas.
A Concellaría de Medio Ambiente constatou que a Rosaleda non se atopa nun bo estado de conservación, polo que tanto a convocatoria do concurso de ideas como a redacción do proxecto -pasos previos á execución do proxecto que agora sale a concurso- serven de base para o desenvolvemento de futuras actuacións de mellora e recuperación deste espazo verde emblemático da cidade.
Entre as deficiencias existentes nesta zona dos xardíns de Méndez Núñez, constatouse o mal estado de bordos, pavimentos e os arcos para rosais trepadores, á vez que xa foi necesario eliminar árbores polo seu mal estado sanitario. Neste sentido, o proxecto desenvolverase en base a catro ideas fundamentais: ser fieis á orixe do xardín, respectar o tempo, valorar as achegas e evitar disonancias. Así, a través deste novo proxecto, recuperarase o ancho de camiño inicial que existía na Rosaleda e as palmeiras volven integrarse nos parterres, ademais de recuperar os estratos medios e baixos mediante arbustos (perennes e caducos), herbáceos e tapizantes, substituír as árbores en mal estado, recuperar o contorno perimetral mediante arboledo e arbustos, manter a rosa como elemento fundamental e achegar novas tipoloxías de rosais cuxas calidades estéticas permanezan nas diferentes estacións.
Ademais, no proxecto incluiranse solucións para crear unha rede de recollida de pluviais, outra de bocas de rega e para a adaptación do sistema automático, apostando por unha rega por goteo, fácil de sectorizar e programar e que permita optimizar a auga. Tamén se recuperarán os bancos para manter unha unidade co resto dos xardíns de Méndez Núñez e o novo mobiliario que se engada será funcional e sinxelo, como cadeiras individuais apilables.
A este novo proxecto súmanse outras intervencións realizadas nos propios xardíns de Méndez Núñez, como as melloras das zonas verdes situadas xunto ao monumento de Curros Enríquez, onde se incluíron variedades autóctonas (boj, brezo ou romeu, entre outras) para contemplar as figuras esculpidas no monumento e para ampliar o campo de visión das palmeiras.











