O Concello da Coruña destina máis de 800.000 euros a novas actuacións no castro de Elviña
O Concello da Coruña, a través da Xunta de Goberno Local, aprobou esta mañá o expediente para sacar a concurso o proxecto de escavación do castro de Elviña, para o que se reserva un investimento de 824.777 euros. As novas obras programadas, ademais de continuar cos traballos de investigación, tamén incluirán a realización de tarefas de mantemento e de conservación e restauración co obxectivo de facilitar as visitas ao xacemento.
A Xunta de Goberno acordou, a proposta da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, licitar novas obras do proxecto de escavación do castro de Elviña, cun orzamento máximo de 824.777,61 euros e un prazo de execución de 8 meses.
O novo proxecto non só permitirá concluír traballos de escavación en áreas que se atopan actualmente abertas e a súa contextualización arqueolóxica, senón que tamén buscará afianzar o xacemento como conxunto estrutural coherente e, por tanto, atractivo para o público. Desta maneira, priorizarase a consolidación e restauración das estruturas arqueolóxicas exhumadas.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén concedeu licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 235.326,90 euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato ata os 331,15 millóns de euros.











