O Concello da Coruña desenvolve un proxecto para a rexeneración integral do Barrio das Flores
O Concello da Coruña elaborou un proxecto para a rexeneración integral do Barrio das Flores que recolle propostas que van máis aló dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) e que permiten optar a fondos europeos. O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou desta nova iniciativa á Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá e na que tamén se autorizou a firma de dous convenios con Cruz Vermella, por un importe total de 134.000 euros, para o desenvolvemento do programa Transporte Sanitario e do Servizo Municipal de Urxencia Social (SEMUS); así como dun terceiro acordo de colaboración, por valor de 75.000 euros, para desenvolver o programa Educa Saúde a través da Fundación María José Jove.
BARRIO DAS FLORES
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou esta mañá na Xunta de Goberno Local do proxecto que se deseñou para a rexeneración integral do Barrio das Flores, un estudo que recolle os proxectos necesarios para a zona, cun orzamento de 60 millóns de euros, onde a maior parte do investimento correrá a cargo de fondos públicos, de aí a importancia de presentar esta proposta ante a Unión Europea.
Debido ás características do Barrio das Flores e o alto número de pisos existente -case 2.000 vivendas-, esta iniciativa orientouse cara aos fondos europeos. Fernández Prado explicou que se trata dun proxecto de rexeneración máis amplo que unha Área de Rehabilitación Integral (ARI). Esta decisión non só implica o financiamento necesario para a rehabilitación de vivendas, senón tamén o desenvolvemento doutro tipo de accións sociais, de emprego e de rexeneración socioeconómica. “Trátase dun proxecto máis ambicioso para o barrio e que pretende converterse nunha verdadeira rexeneración urbana, o que nos permitirá acceder a máis financiamento e máis iniciativas”, explicou Fernández Prado.
O proxecto municipal para o Barrio das Flores inclúe unha serie de liñas estratéxicas:
– Intervención en edificios e vivendas. Inclúe a rehabilitación de inmobles, con renovación da envolvente térmica e dos sistemas de calefacción, e melloras e na accesibilidade e na eficiencia enerxética en zonas comúns.
– Rexeneración urbana e reurbanización. Trátase de obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano, con traballos de xardinaría, accesibilidade en espazos públicos, eficiencia ambiental e redución de emisións de CO2.
– Dotacións e equipamentos. Recolle proxectos de mellora en puntos centrais do barrio, como os equipamentos deportivos, os xogos infantís ou os corredores verdes.
– Rexeneración socioeconómica. Para impulsar a competitividade e dinamización económica, proponse organizar actividades e talleres, reestruturar edificacións obsoletas, e programar a participación social.
– Oficina de xestión, plan e información. Crearase unha oficina técnica e organizaranse accións de asesoramento para que os veciños poidan acceder a subvencións para a rexeneración do barrio.
– Mobilidade e transporte público. De acordo ás directrices do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), o obxectivo é apostar polo transporte público e unha mellor comunicación co resto da cidade reducindo o uso do vehículo privado, ademais de dotar as vías interiores do barrio dunha maior accesibilidade a nivel peonil.
O estudo recolle os puntos fortes e as principais necesidades para o Barrio das Flores, onde se observa un envellecemento paulatino da poboación (as persoas maiores de 65 anos pasaron nos últimos 20 anos do 19% ao 30%) e un incremento do número de vivendas baleiras, ademais dunha oferta comercial que non é acorde ás necesidades do barrio e que se atopa condicionada pola proximidade das grandes superficies. O estudo constata a necesidade de mellorar a accesibilidade ao barrio, tanto interior como exterior, e de rehabilitar tanto vivendas como infraestruturas.
A consecución de fondos europeos permitirá unha recuperación integral do Barrio das Flores, unha zona que conta con elementos de alto valor patrimonial -como o Camiño Inglés a Santiago de Compostela e a Unidade Veciñal 03, de José Antonio Currais e Premio Nacional de Arquitectura-. O estudo conclúe que o Barrio das Flores é considerado polos veciños como un bo lugar de residencia e con gran cantidade de equipamentos sociais, asistenciais e deportivos. Ademais, o 32% do espazo dedícase a zonas verdes (9,3 m2 por habitante) e o 41% a espazos peonís (21 m2 por habitante).
ESPAZOS URBANOS
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace á modificación do convenio das Murallas asinado o ano pasado polo Concello e a Autoridade Portuaria e no que se recollían que o Executivo municipal faise cargo de diferentes servizos (limpeza pública e recollida de residuos urbanos; iluminación pública; xardinaría, conservación e mantemento de infraestruturas, pavimentos ou instalacións, conservación do mobiliario urbano; vixilancia; e regulación do tráfico e conservación das instalacións de seguridade e regulación) situados en distintos espazos públicos: dique de abrigo; espazos portuarios do exterior do porto entre o dique e a rotonda de entrada ao porto de San Diego; estrada exterior desde o cruzamento coa avenida do Exército ata a rotonda de entrada á dársena de Oza; esquina sur da dársena de Oza (inclúe o faro e a súa contorna); e redes de saneamento.
No acordo de 2014, a Autoridade Portuaria comprometeuse a realizar obras de mellora nestas localizacións antes de que o Concello se fixese cargo do seu mantemento. A institución marítima certificou un incremento do orzamento para executar as obras: fixado inicialmente en 500.000 euros e que agora se aumenta en 148.090 euros para actuacións na dársena de Oza e a área comprendida entre a torre de control e o dique de abrigo. Este investimento corre a cargo da Autoridade Portuaria.
Este convenio permite recuperar a fachada marítima da Coruña e devolver espazo aos cidadáns, conservando e recuperando o patrimonio da cidade para xerar novas zonas lúdicas, turísticas e culturais.
SEMUS
O Concello achega 70.000 euros ao SEMUS, que busca dar resposta inmediata a urxencias individuais e colectivas para aquela poboación que se atopa en situación de vulnerabilidade social. O SEMUS ten como misión asegurar unha atención continuada no campo social, complementando a realizada desde a Concellaría de Servizos Sociais. Este programa realiza un labor de observación e diagnóstico sobre situacións de pernoctación na rúa, ademais de intervir en todas aquelas situacións complexas nas que hai unha vertente social que precisa solución (solicitudes de refuxio, situacións sobrevindas de perda da vivenda ou problemas sociosanitarios).
Os principais obxectivos deste servizo son:
– Ofrecer de maneira inmediata unha atención especializada ás persoas que de forma imprevista atópense en situación de vulnerabilidade social.
– Completar a atención dos servizos sociais municipais.
– Apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando o desenvolvemento das súas funcións presente problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas de resposta especializados.
– Responder, no menor tempo posible, ás urxencias sociais, tanto individuais como colectivas.
TRANSPORTE SANITARIO
O segundo dos convenios con Cruz Vermella é para a realización do programa Transporte Sanitario. Neste caso, son 64.000 euros que permiten á entidade dispor dun vehículo sanitario na cidade para o traslado de persoas en situacións de emerxencia ou con algún tipo de problema de saúde que dificulte a súa mobilidade, complementando o labor realizado polo Sergas, o 061 e outras institucións comprometidas na atención sanitaria. Cruz Vermella atende a ao redor de 3.000 persoas ao ano a través deste servizo.
EDUCA SAÚDE
O Concello tamén ratificou un convenio de colaboración coa Fundación María José Jove para que desenvolva o programa municipal Educa Saúde, polo que pasaron 15.846 escolares e 4.259 familias de todas as escolas infantís municipais, centros públicos de Infantil e Primaria e centros de educación especial da cidade.
A través deste acordo, o Concello achega 75.000 euros á Fundación María José Jove para o programa Educa Saúde, que na actualidade está a celebrar a súa cuarta edición. O proxecto ten como obxectivo fomentar hábitos saudables entre a poboación infantil e xuvenil. Ademais, o programa marcouse na edición actual un novo reto e agora chega aos institutos de Secundaria da cidade cun contido renovado e adaptado a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.
ESCOLA INFANTIL
A Xunta de Goberno tamén autorizou un investimento de 170.000 euros en 2015 para a xestión da nova Escola Infantil Municipal Carmen Cervigón (95 prazas), situada no barrio de Labañou.
O Concello dispón na actualidade de 827 prazas para menores de 0 a 3 anos en 9 Escolas Infantís Municipais: Caracola, Arela, Carricanta, Os Rosales, Luís Seoane, Monte Alto, Os Cativos; e as novas de Carmen Cervigón (95 prazas) e Agra do Orzán (82 prazas). No orzamento municipal de 2015, incrementouse un 17% a partida destinada á rede de escolas infantís de titularidade municipal, cunha contía final de 1.266.091 euros.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén concedeu licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 655.940 euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato ata os 334,7 millóns de euros. Entre os permisos concedidos atópase a instalación de ascensores en catro edificios das rúas Comercio, Forcarei, Loureiro e San Roque, ademais da reforma do portal e a substitución de dous elevadores nun inmoble da rúa José Luís Bugallal Marchesi.
O Concello tamén aprobou a ampliación do complexo deportivo Coruña Sport Center, promovido por EMVSA no barrio de Matogrande. Con esta modificación na licenza, a superficie construída final será de 27.828 metros cadrados, o que supón unha ampliación de 812 metros cadrados con respecto á proposta anterior. Grazas aos cambios introducidos, as pistas de pádel que eran exteriores no proxecto inicial intégranse agora na envolvente do edificio.
Na sesión desta mañá, tamén se aprobaron dúas subvencións de rehabilitación para edificios da rúa Antonio Pedreira Ríos (números 23 e 25), nos que residen 19 familias. En ambos os casos, concédese o 80% do importe final de execución da obra: en concreto, o Concello subvenciona 178.541,71 euros.











